O presidente da Xunta visita aos maiores que participan nesta iniciativa na residencia de Tempo Libre do Carballiño

Rueda resalta o éxito do programa ‘Xuntos polo Nadal’ que este ano permite que máis de 300 maiores pasen estas festas en compañía

Subliña que o obxectivo é que ningún maior pase só o Nadal sen desexalo

O programa ofrece totalmente de balde estadías de oito días con pensión completa e actividades como baile, ximnasia ou obradoiros de novas tecnoloxías

Galicia é pioneira en España ao deseñar unha estratexia para previr e combater a soidade non desexada nos maiores
 

O Carballiño, 28 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resalta o éxito do programa Xuntos polo Nadal que permite que este ano máis de 300 maiores que viven sos pasen estas festas acompañados a través de estadías 100% gratuítas nas residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón (Nigrán). Durante unha visita ao centro ourensán, Rueda subliñou que se trata dunha iniciativa con máis de 20 anos de historia e que só se interrompeu no ano máis duro da pandemia. “Atende unha necesidade e unha demanda moi xusta que non podía quedar sen escoitar”, resaltou.

 

Xuntos polo Nadal é un programa dirixido aos maiores de 60 anos que non teñen con quen pasar estas datas. A Xunta habilita dúas quendas -do 22 ao 29 de decembro e do 31 de decembro ao 7 de xaneiro- nas que os usuarios poderán desfrutar dunha estancia con pensión completa gratuíta neste centros e participar en diferentes actividades como baile, ximnasia, obradoiros de novas tecnoloxías ou excursións.

 

“O obxectivo principal é que ningún maior pase o Nadal só sen desexalo”, recalcou o presidente autonómico, quen fixo fincapé en que grazas “ás actividades e os momentos de alegría” nesta estadías, os maiores que participan no programa van ter “un bo recordo do Nadal”.

 

Durante a visita a residencia de O Carballiño, Rueda lembrou que Galicia conta con máis de 130.000 maiores de 65 anos que viven sos, unha situación que non sempre é por elección. Por iso, o presidente avogou pola colaboración entra administracións para atender as necesidades dos maiores. “Os maiores teñen moito que aportar e que dar, só temos que darlles a oportunidade”, resaltou.

Nova xeración de maiores

A Xunta traballa para atender as necesidades de todos os maiores -os que precisan de coidados ante unha enfermidade ou algún grado de dependencia- e os que, cada vez é máis habitual, chegan a idade de xubilación con boa saúde e queren manter un ritmo de vida activo. Para estes últimos, a Xunta conta con diferentes programas e actividades pensados para un envellecemento activo como é Benestar balnearios -que ofrece estadías a prezos reducidos aos maiores de 60 anos-; as aulas sénior nas que seguir formándose ou os programas de voluntariado interxeracional nos que mozos e maiores comparten experiencias e aprendizaxes.

Imaxes relacionadas