O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na presentación da iniciativa Conecta Naval

Xunta e Pymar colaboran para posicionar a candidatura galega no reparto dos fondos europeos ao Perte Naval

Conde explica que o que se fai é activar unha xanela única que permitirá a comunicación directa coas empresas á hora de xestionar as iniciativas que se vaian presentando desde Galicia para optar a estas axudas

Lembra que Galicia xa deixou constancia en máis dunha ocasión de que a asignación orzamentaria para este Perte non é suficiente parta os retos que afronta o sector

Vigo, 28 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe a iniciativa Conecta Naval, que a Xunta de Galicia pon en marcha en colaboración con Pymar para posicionar a candidatura galega no reparto dos fondos europeos ao Perte do sector.

 

Acompañado pola conselleira delegada de Pymar, Almudena López del Pozo, Conde explicou que o que se fai é activar unha xanela única que permitirá a comunicación directa coas empresas á hora de xestionar as iniciativas que se vaian presentando desde Galicia para optar a estas axudas. Para iso, ponse á súa disposición un enderezo de mail: conectanaval@igape.es. Trátase, dixo, de que toda a cadea de valor do naval galego traballe en rede e de forma conectada co apoio da Xunta, a través do Igape, e de Pymar.

 

O obxectivo, subliñou, é que Galicia, como comunidade autónoma con máis empresas neste sector —preto de 300 en todos os segmentos de actividade— teña neste Perte un papel significativo e o protagonismo que lle corresponde no reparto dos fondos.

 

O vicepresidente económico asegurou que o sector naval de Galicia leva tempo traballando en proxectos que poñen de manifesto a súa aposta pola diversificación e o desenvolvemento sustentable, tecnolóxico e dixital. Tamén o puxo como exemplo da transformación que se está dando na cadea de valor industrial do naval cara ás enerxías renovables mariñas; e da aposta pola formación e o emprego cualificado. Polo tanto, os fondos europeos teñen que ser o impulso definitivo a todo este esforzo, enfatizou.

 

Con todo, Conde lembrou que Galicia xa deixou constancia en máis dunha ocasión de que a asignación orzamentaria para este Perte non é suficiente porque é a menor de todos os convocados ata o de agora. A convocatoria do Perte Naval acaba de ser publicada o pasado 23 de decembro logo de máis de nove meses de espera desde que o Goberno o aprobou no Consello de Ministros do pasado 15 de marzo. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o vindeiro 18 de xaneiro ata o 28 de febreiro.

Imaxes relacionadas