O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Santiago o comercio Boles Galicia, dentro da campaña Vive o Nadal con Artesanía de Galicia

A Xunta promove a Artesanía de Galicia no comercio de proximidade

Explica que esta iniciativa trata de fomentar as compras en establecementos adheridos a Artesanía de Galicia, onde se poden adquirir pezas únicas e exclusivas saídas dos 789 obradoiros galegos con esta distinción

Sinala que o obxectivo é que esta marca sexa un dos maiores reclamos do comercio galego e de seguir sumando moitos máis establecementos que comercialicen produtos artesanais
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a marca Artesanía de Galicia está cada vez máis presente no comercio de proximidade posto que, con respecto ao ano pasado, xa son un 19% máis os establecementos galegos que comercializan produtos con este selo.

 

O vicepresidente visitou hoxe en Santiago Boles Galicia, unha das 33 tendas adheridas actualmente á marca Artesanía de Galicia que se identifican por vender pezas dun mínimo de cinco obradoiros artesanais galegos con esta distinción. Fíxoo no marco da campaña Vive o Nadal con Artesanía de Galicia, que a Xunta —a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo— puxo en marcha nestas datas para promocionar os produtos artesanais de Galicia como o mellor agasallo de Nadal.

 

Conde explicou que esta iniciativa trata de fomentar as compras en establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia, porque ofrecen un produto local e sustentable, dixo; pezas únicas e exclusivas saídas dos 789 obradoiros galegos con esta distinción. Ao mesmo tempo, engadiu, é unha campaña de apoio ao comercio local, e, en particular, a un sector que tanto se identifica coa cultura galega como é a artesanía, xerador de emprego no rural con máis de 7.800 postos de traballo asociados.

 

O obxectivo é que Artesanía de Galicia sexa un dos maiores reclamos do comercio galego e seguir sumando moitos máis establecementos onde poder adquirir produtos con este selo, porque é unha forma de posicionar a marca e dar valor engadido ao comercio local.

Imaxes relacionadas