A Xunta concede á Asociación Cultural O Castro de Vilanova o premio de voluntariado na categoría de entidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución deste premios dotados con 12000 euros e que tamén recoñecen accións individuais e proxectos de voluntariado

Na categoría individual a persoa premiada é Abraham Benítez Somoza de Ribeira, mentres que o galardón a mellor proxecto foi para a Asociación Ourensá de Esclero-se Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER)
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da terceira edición dos premios Galicia Acción Voluntaria que recoñecen o labor das persoas e entidades que traballan no eido do voluntariado. Na categoría de entidade o galardón foi para a Asociación Cultural O Castro, de Vilanova, pola súa ampla traxectoria no ámbito do voluntariado cultural, medioambiental e de acompañamento das persoas maiores.

 

Na modalidade de persoa individual o premio recaeu en Abraham Benítez Somoza, de Ribeira, voluntario da Asociación Ambar e que adestra en atletismo a persoas con discapacidade intelectual. Así mesmo, tamén colabora con outras entidades na organización de probas deportivas e realiza trofeos e maquetas artesanais para causas solidarias. Leva desde o ano 2003 promovendo un estilo de vida saudable para as persoas con discapacidade.

 

Por último, na categoría de proxecto de acción voluntaria o premio foi para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER). Esta entidade realiza tarefas de sensibilidade e visibilización, así como de soporte, para que as persoas con algunha destas patoloxías poidan ter unha vida activa e conten con axuda para realizar actividades. 

 

Terceira edición

Os premios Galicia de Acción Voluntaria naceron no ano 2020 para premiar a colaboración e solidariedade amosada por distintos colectivos ante a emerxencia sanitaria da covid-19 e para visibilizar todo o labor altruísta existente na comunidade. Nas pasadas edicións estes premios entregáronse á ONG Mestura, á Fundación Juan Soñador, o Banco de Alimentos Rías Altas ou á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), entre outros. Cada un dos galardóns está dotado de 4000 euros.