A Xunta e a USC presentan o estudo que delimita as competencias das administracións autonómica e local a prol da prestación eficiente dos servizos públicos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e mais o reitor da Universidade de Santiago participaron no acto de presentación, ao que asistiron responsables municipais de toda Galicia

Segundo indicou Diego Calvo, o traballo representa un primeiro paso para reforzar a colaboración cos concellos, evitar duplicidades e optimizar recursos


O compromiso do Goberno galego co eido local tradúcese en 2023 en achegas que suman 564,3M€
 

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022 

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron hoxe publicamente o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia, elaborado no marco dun acordo entre ambas entidades co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local a prol dunha prestación eficiente dos servizos públicos. No acto participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o reitor da Universidade da USC, Antonio López, ademais da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

 

O estudo foi realizado polos membros do grupo de Investigación Empresa e Administración Luís Míguez, Marcos Almeida, Diana Santiago e Andrea Garrido, coa participación de todas as consellerías da Xunta. Nel avalíanse ámbitos como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde, a atención ás emerxencias, o medio ambiente ou a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, entre outros. Trátase dos eidos onde se detectan maiores dificultades de deslinde competencial entre ambas administracións co obxectivo de evitar duplicidades e garantir unha mellor prestación de servizos públicos.

 

Na súa intervención, Diego Calvo referiuse ao estudo como un primeiro paso para reforzar a colaboración cos concellos co obxectivo de seguir atendendo as súas necesidades e garantir a súa autonomía financeira, “sempre desde a lealdade institucional”.

 

O vicepresidente segundo incidiu no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, que se traduce o vindeiro ano en achegas que suman 564,3 millóns de euros, un 15,5% máis que neste exercicio. Nesta liña destacou o incremento no Fondo de Cooperación Local, que ascende a 143,4 millóns de euros, un 17% máis que en 2022, e en especial da parte do fondo adicional, que rexistra unha suba récord do 135% e chega aos 30,5 millóns de euros.

 

Pola súa banda, o reitor da USC destacou que esta colaboración redunda nunha mellor optimización dos recursos públicos que xestionan cada unha das administracións sobre as que se vertebra o sistema. “Neste ámbito só debe haber alternativa ao rigor, á precisión e ao mellor aproveitamento dos recursos, porque así garantimos que a cidadanía reciba os mellores servizos posibles”, engadiu. Nesta liña, incidiu en que participar neste traballo supuxo para a entidade académica “realizar unha transferencia de coñecemento no ámbito do Dereito e o estudo legal, pero sobre todo contribuír de xeito aplicado e inmediato ao mellor entendemento dunha situación de actualidade e relevancia social”.  

 
 

Delimitación das competencias nos distintos ámbitos

O Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local presentado hoxe establece que as entidades locais están obrigadas á prestación de servizos sociais comunitarios básicos de titularidade municipal como a axuda ao fogar, se ben a implantación doutros máis alá desta acepción levaranse a cabo de maneira voluntaria, con base na normativa sectorial anterior a  Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local (LRSAL) ou trala avaliación da sustentabilidade financeira da facenda local.

 

No ámbito educativo, as entidades locais deben facerse cargo dos gastos de conservación, o mantemento e a vixilancia dos edificios destinados a centros públicos de Educación Infantil, Primaria ou Especial, salvo cando fosen afectados totalmente para impartir Educación Secundaria Obrigatoria ou Formación Profesional. Se a afectación fose parcial, establecerase o correspondente convenio de colaboración entre as administración afectadas.

 

Sinálase tamén que, aínda que a Administración autonómica debe facerse cargo dos gastos de mellora dos edificios escolares, vén asumindo, a través de subvencións e sen estar obrigada a facelo, custos que corresponden aos municipios, como os gastos de gasóleo para calefacción ou o servizo de limpeza. No caso dos comedores escolares, encadraríase no ámbito dos servizos sociais de titularidade municipal por ser un recurso complementario ao eido educativo, unha medida tendente a favorecer a conciliación, mentres que o transporte escolar sería de competencia autonómica.

No ámbito sanitario, o estudo recolle que a Administración autonómica ten competencia para asumir centros de saúde de titularidade municipal e substituílos por novos de titularidade do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ao igual que nas unidades asistenciais de drogodependencias de titularidade municipal. Porén, no que respecta á situación do persoal municipal dos centros de atención a drogodependencia, a súa integración na Administración autonómica esixirá o cumprimento dos principios legais de igualdade, mérito e capacidade.

No que se refire á atención ás emerxencias, en materia de bombeiros e salvamento e de protección civil e emerxencias, é competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes, e das deputacións provinciais no resto de municipios. 


O estudo recolle ademais que os servizos de abastecemento
 e saneamento, son competencias dos concellos, e as deputacións teñen a obriga de apoialos, sobre todo os más pequenos, pese a que a Xunta está apoiando financeiramente co fin de progresar na optimización da xestión da auga e na prestación destes servicios. As entidades locais son tamén competentes no tratamento das augas residuais e a prestación do servizo de rede de saneamento, que inclúe o control dos vertidos a esas redes no marco da normativa de aplicación. Tamén lles corresponde aos concellos velar polo cumprimento da norma en medio ambiente urbano ou a recollida de animais domésticos abandonados.

Imaxes relacionadas