O DOG publica hoxe a oferta de emprego público da Administración Xeral para 2022, con 702 prazas de acceso libre

O decreto de oferta tamén inclúe 422 prazas para a promoción interna co que a Oferta para 2022 ascende a 1.124 prazas

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Xeral da Comunidade Autónoma para o ano 2022 que ascende a 1.124 prazas, das que 702 son de acceso libre e 422 de promoción interna.

 

A Xunta esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central a todas as Administracións para cubrir xubilacións, falecementos, renuncias, excedencias ou altas e baixas producidas por concursos de traslados a outras administracións.

 

Tamén se prevé a convocatoria doutras 1.349 prazas para continuar coa terceira fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UXT.

 

702 prazas de acceso libre

O maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala técnica de orientación laboral con 130 prazas, e na especialidade de persoal de limpeza e cociña con 70 prazas.

 

En canto ao eido administrativo, o decreto de oferta publicado hoxe inclúe 30 prazas para o corpo superior (A1), 30 para o corpo de xestión (A2), 50 prazas para o corpo administrativo (C1), 50 para corpo auxiliar (C2), ou outras 45 prazas para a agrupación profesional (AP) escala de subalterno.

 

A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia.