A Xunta renova o convenio de colaboración coa Asociación Érguete para apoiar o seu programa de formación e integración social

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da entidade


O Goberno galego destina 50.000 euros ao programa de intervención socioeducativa da asociación co obxectivo de favorecer a reinserción social e laboral dos seus usuarios
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse hoxe con representantes da Asociación Érguete Prevención e Intervención en Condutas Aditivas  para escoitar as súas demandas e avaliar as liñas de colaboración da Vicepresidencia Segunda da Xunta coa entidade. Ao encontro tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

 

Deste xeito, o vicepresidente segundo da Xunta trasladoulles a renovación, por un importe de 50.000 euros, do apoio que se vén prestando nos últimos anos ao seu programa de formación e integración social (PFIS). 

 

Este programa de intervención socioeducativa vai destinado a persoas con suspensión de condena, con medidas alternativas a prisión como traballos en beneficio da comunidade, con causas xudiciais pendentes ou nalgún dos 3 grados penitenciarios, así como menores con problemas de consumo ou conduta, con cumprimento de tarefas socioeducativas ou sancionados por tenencia de substancias estupefacientes.

 

A Xunta aposta así por impulsar alternativas á cadea que en determinadas condutas dan resultados máis eficaces e poden garantir unha mellor rehabilitación, sobre todo cando se detectan as primeiras manifestacións de conductas aditivas ou de risco. Nesta liña, Diego Calvo destacou que iniciativas de intervención socioeducativa como esta contribúen a unha modificación de hábitos de cara a unha reinserción social e laboral satisfactoria.

 

Ademais, trasladoulle á asociación Érguete a importancia do seu traballo para xerar oportunidades e prestar servizos a persoas e familias afectadas por conductas aditivas ou de risco, impulsando a súa inclusión e fomentando hábitos de vida saudables.

 

Cómpre lembrar tamén que no marco doutro convenio, a Xunta colabora coa Fundación Galega contra o Narcotráfico no funcionamento do servizo de xestión de bens comisados por delitos relacionados co narcotráfico. Así, cos ingresos pola súa venda lévanse a cabo as indemnizacións das vítimas e apóianse diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais.

Imaxes relacionadas