A Xunta concede 38 bolsas á mocidade exterior para que retornen, traballen e estuden FP en Galiciaen Galicia

Os primeiros beneficiarios destas bolsas, de entre 17 e 39 anos de idade, proceden de Arxentina, Venezuela, Cuba, Uruguai, Paraguai, México e Brasil

Reciben unha bolsa 6.500€ de apoio económico para a viaxe, o aloxamento e a manutención durante o próximo curso 2022-23

Cursarán formación específica básica de Albanelaría e fontanaría no Centro Integrado de FP de Someso (A Coruña) e de Fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións no Universidade laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol)

É a primeira vez que o Goberno galego instaura esta modalidade de ensinanzas dentro do programa ‘Retorna Mocidade’, co que se busca que os galegos retornados accedan a unha formación recoñecida que posibilite a súa incorporación ao mercado laboral

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022- A Xunta de Galicia acaba de conceder 38 bolsas á mocidade do exterior co fin de que cursen en Galicia estudos de Formación Profesional de nivel básico en Galicia o vindeiro curso académico 2022-23, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

 

Os primeiros beneficiarios destas bolsas, de entre 17 e 39 anos de idade, proceden de Arxentina, Venezuela, Cuba, Uruguai, Paraguai, México e Brasil, e cursarán formación específica básica de Albanelaría e fontanaría no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso, na Coruña; e de Fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións nos CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol).

 

As bolsas, dotadas con 6.500€ cada unha delas, inclúen a viaxe desde o país de procedencia, o aloxamento e manutención na Comunidade galega e a subscrición dun seguro médico de ser o caso. Os beneficiarios recibirán un primeiro pagamento de 3.700€ no primeiro trimestre do curso (co único requisito de estar matriculado) e un segundo pagamento de 2.800€ no segundo trimestre da formación. Neste caso o alumno deberá ter aprobado o 70% dos módulos cursados no primeiro trimestre.

 

Estratexia Retorna

Esta é a primeira vez que o Goberno galego instaura esta modalidade de ensinanzas dentro do programa Retorna Mocidade, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia con 247.000€.

 

A convocatoria busca incentivar o retorno dos galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de Formación Profesional da Comunidade así como o acceso ao mercado laboral. 

 

Enmárcase, ademais, no paquete de accións deste tipo desenvolvidas ata o momento como son as bolsas para cursar estudos de FP de grao Superior e as Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior (BEME), estas últimas da Secretaría Xeral da Emigración.

 

Imaxes relacionadas