O director da APLU reuniuse co rexedor para analizar os resultados da súa colaboración

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o Concello de Ordes coinciden na necesidade de prestar atención especial ás infraccións no Camiño de Santiago

Durante un encontro recente revisaron os diferentes núcleos de poboación, espazos protexidos e infraestruturas do municipio, analizando as súas singularidades urbanísticas

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) trasladoulle ao Concello de Ordes a necesidade de prestar unha atención especial a este municipio desde o punto de vista da disciplina urbanística tendo en conta que polo seu territorio pasa unha das rutas do Camiño de Santiago —O Camiño Inglés—, espazos que se atopan normativamente delimitados. 

No transcurso dunha reunión para analizar os resultados da colaboración que manteñen o organismo autonómico e mais o Goberno local no eido do urbanismo, o director da APLU, Jacobo Hortas, e o rexedor, José Luis Martínez, coincidiron na importancia de seguir apoiándose mutuamente e centrar as inspeccións naqueles puntos que poden resultar máis delicados, como é o caso do Camiño, que é desde hai anos, como subliñou o responsable autonómico, “unha das prioridades” de actuación para os técnicos da Axencia. 

Neste sentido e no caso concreto de Ordes, a necesidade de establecer con claridade as prioridades faise máis evidente tendo en conta que se trata dun municipio cunha extensión de 157 quilómetros cadrados. De feito, Hortas e Martínez aproveitaron o encontro para revisar os diferentes núcleos de poboación, espazos protexidos e infraestruturas de Ordes, analizando as súas particularidades urbanísticas. 

Así mesmo, outro dos temas que se abordaron na reunión foi a situación do planeamento municipal, actualmente en proceso de revisión e pendente de aprobación provisional por parte do Concello. Ao respecto, o director da APLU animouno a continuar traballando para dotar ao municipio do mellor PXOM posible, incidindo en que se trata dun instrumento clave para “reforzar a seguridade xurídica” no eido do urbanismo e un “magnífico aliado” para os concellos fronte ás irregularidades na materia. 

Pola súa parte, o rexedor municipal interesouse polas actuacións que leva a cabo a APLU co obxectivo de divulgar e mellorar o coñecemento sobre a ordenación do territorio, o urbanismo e a preservación da paisaxe como elemento e sinal de identidade. 

Neste sentido, Jacobo Hortas subliñou que os técnicos da Axencia están á disposición dos municipios galegos fin de tratar de resolver calquera dúbida ou necesidade que poida xurdir, así como para ofrecerlles formación especializada ao seu persoal.