A Xunta axuda aos concellos a financiar os seus servizos sociais municipais cunha achega de 15,9 M€

Estes fondos canalízanse a través do Plan Concertado e destínanse á contratación de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e ao desenvolvemento de programas de inclusión

Santiago de Compostela, 24 de decembro de 2022.-

A Xunta concede aos Concellos galegos preto de 16 millóns de euros en axudas para que financien os servizos sociais municipais. Estas achegas económicas fíxanse a través do Plan Concertado deste ano 2022 e están dirixidas á contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

 

A partida máis importante do Plan Concertado ascende a 12,9 millóns de euros e destínase ao cofinanciamento de ata 764 traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte do persoal dos servizos sociais comunitarios dos Concellos. Este montante supón un incremento de 600.000 euros con respecto ao destinado para este fin no anterior plan e permitirá que 32 Concellos aumenten o seu persoal. Deles, 9 son da provincia da Coruña; 6 da lucense;    11 municipios de Ourense e 6 da provincia de Pontevedra.

 

Así mesmo, o Plan Concertado serve para a apoiar ás Corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, para o que se reserva unha partida de 2,1 millóns de euros. Este apartado do plan aumenta a súa contía en máis de 1,8 millóns de euros, con respecto ao plan do ano 2021.

 

Este importe repartiuse nun total de 197 programas, que se puxeron en marcha en 140 concellos. Deles, 48 programas impulsáronse en 37 concellos da provincia da Coruña, 45 programas en 33 concellos de Lugo, 54 programas en 40 municipios da provincia de Ourense e 50 programas en 30 concellos de Pontevedra. As actuacións destes programas dan prioridade as axudas de emerxencia social, a programas de educación e apoio familiar e a iniciativas destinadas a persoas sen fogar e a persoas especialmente vulnerables.

 

Ademais, a través deste plan a Xunta renova o seu financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico, ao que destina 865.000 euros.