A Xunta instala na dársena de Curuxeiras un espazo de conciliación para axudar ás familias durante este Nadal

Nestas instalacións, abertas en horario de mañá e tarde ata o 5 de xaneiro, ofrécense actividades deportivas, obradoiros corresponsables e paseos culturais

É de balde e está dirixida a rapazas e rapaces de 4 a 16 anos que deberán inscribirse o mesmo día directamente na carpa, sen trámites previos

Ferrol, 23 de decembro de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a carpa instalada na dársena de Curuxeiras do espazo de conciliación Nadal 2022 que promove a Xunta de Galicia, en colaboración co porto de Ferrol, para apoiar ás familias con menores de 16 anos ao seu cargo nestas datas.

Con esta iniciativa, enmarcada no conxunto de actuacións que Galicia desenvolve do Plan Corresponsables, o Goberno galego está a ofrecer alternativas de apoio ás familias na súa conciliación nun período non lectivo, puxo en valor López Abella. Para cumprir con esta finalidade, a carpa de Curuxeiras abrirá todos os días laborables ata o 5 de xaneiro en horario de mañá (de 10,00 a 14,00 horas) e de tarde (de 16,00 a 20,00).

A través do programa de actividades, ofrecerase neste espazo aos menores participantes (rapazas e rapaces de entre 4 e 16 anos) bautismos de skate, talleres de reciclaxe, paseos culturais, obradoiros corresponsables e un amplo abano de propostas a desenvolver baixo a carpa xa instalada no porto e noutros puntos da cidade.   

A participación no espazo de conciliación ten carácter gratuíto para as familias, que deben inscribir ás nenas e nenos o día que lles interese empregar este recurso, de xeito presencial na carpa, tanto en horario de mañá como de tarde, ata esgotar aforo.

O espazo de conciliación de Ferrol iniciou onte a súa actividade. A secretaria xeral subliñou a importancia de iniciativas como esta que educan en igualdade e impulsan a corresponsabilidade a través de propostas dinámicas e creativas. No caso de Ferrol está previsto un paseo ata o Cantón para visitar a exposición Ferrol no tempo e o Museo Naval.

Esta iniciativa implica na súa totalidade a empresas da comarca, xerando durante o seu desenvolvemento ao redor de sesenta empregos en conxunto neste espazo instalado en Ferrol e noutro similar que abriu no porto da Coruña. En ambos os dous casos, os menores están acompañados por monitoras e monitores titulados e especializados para o desenvolvemento das actividades.

López Abella destacou o compromiso que a Xunta mantén desde hai anos a favor da conciliación e a corresponsabilidade das familias, unha liña que se manterá en 2023, ano no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá 14,6 millóns de euros en seguir a apoiar medidas que a favorezan.

Imaxes relacionadas