A Xunta adxudica máis de 56.000 m2 no parque empresarial da Sionlla, a maior bolsa de solo que se asigna este ano

As parcelas adxudicadas en compravenda contan cunha bonificación de 2,27 M€
 

Desde a implantación destes incentivos en 2015 a Xunta leva investidos xa 15 M€ en reducir o esforzo que deben realizar as empresas para instalarse neste polígono
 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022  A Xunta de Galicia adxudicou 11 parcelas cunha superficie total de 56.025,5 metros cadrados no parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela. Trátase da maior bolsa de solo industrial adxudicada este ano no polígono compostelán.

 

En concreto, 10 das parcelas foron asignadas en réxime de compravenda a unha empresa do sector do equipamento de interiores xa implantada en Galicia e que prevé ampliar as súas actividades grazas ao solo adquirido no parque da Sionlla, co fin de destinalas á produción e comercialización de equipamento.

O prezo de adxudicación destes terreos, que suman case 53.000 metros cadrados, ascende a 5,92 millóns de euros, despois de aplicar unha bonificación de preto de 2,27 millóns de euros sobre o prezo de venda.

A outra das parcelas, destinada a almacén frigorífico e cunha superficie de 3.041,50 metros cadrados, foi adxudicada en forma de pago aprazado, polo que a adxudicataria disporá de 8 anos para o pago do solo adquirido. Esta é unha nova modalidade de adxudicación de solo empresarial —que se suma ás de compravenda e adxudicación en dereito de superficie que se viñan aplicando xa ata agora— que ofrece a posibilidade ás empresas de dispoñer dun prazo de 8 anos para abonar o importe correspondente.

A empresa compradora xa está implantada no parque empresarial da Sionlla e prevé ampliar as súas instalacións grazas aos novos terreos adquiridos.

Actualmente na Sionlla están adxudicados máis de 570.000 metros cadrados de solo con bonificacións por importe de 15 millóns de euros, que se suman aos preto de 75 millóns de euros investidos pola Xunta de Galicia no desenvolvemento do parque empresarial, sumando un investimento total de 90 millóns de euros.

Ademais, cómpre lembrar que a Xunta está a traballar na ampliación deste parque no ámbito do PS 5 - SUND 29, cunha superficie de máis de 400.000 metros cadrados. Actualmente estase redactando un estudio previo das conexións exteriores da ampliación e tamén se está a realizar unha valoración previa dos bens e dereitos que será necesario adquirir para a ampliación.

Imaxes relacionadas