O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe os maiores que participan nesta iniciativa no centro de Panxón, en Nigrán

A Xunta sinala que ‘Xuntos polo Nadal’ é o mellor antídoto contra a soidade para as persoas maiores

Ofrece estadías 100 % gratuítas en réxime de pensión completa para as persoas maiores que non teñen con quen pasar estas datas

A primeira quenda comezou este xoves e rematará o 29 de decembro mentres que a segunda quenda estenderase do 31 ao 7 de xaneiro

Asúmense os custes de manutención en pensión completa e de transporte, e ofrecerase un amplo programa de actividades con excursións e obradoiros

Ademais desta Residencia de Tempo Libre de Panxón, esta actividade está tendo lugar no centro do Carballiño

Nigrán (Pontevedra), 23 de decembro de 2022 O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá os maiores que participan no programa Xuntos polo Nadal da Xunta de Galicia na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. Durante o encontro sinalou que esta iniciativa é o mellor antídoto contra a soidade ao garantir que as persoas maiores teñan con quen pasar estas datas.

Ademais desta residencia de Panxón, tamén comezaron as actividades na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. Xuntos polo Nadal ofrece estadías 100 % gratuítas, en réxime de pensión completa para persoas maiores que viven soas ou que non teñen con quen pasar estas datas. Esta primeira quenda estenderase ata o 29 de decembro.

A segunda quenda comezará o 31 de decembro e estenderase ata o 7 de xaneiro. Os participantes contarán cun amplo programa de actividades entre as que se atopan ximnasia activa, actuacións musicais, bingo, sesións de cine, obradoiros e excursións por zonas próximas ao centro.

As persoas beneficiarias deben ter máis de 60 anos, estar empadroado nalgún concello galego e vivir só no seu domicilio ou ter que pasar só as datas do Nadal. O programa permite unha estancia de oito días nunha destas dúas residencias, así como desprazamentos en autobús.

Imaxes relacionadas