A Xunta amplía nun 40 %, ata os 11,7 M€, o orzamento das axudas coas que se poderán contratar en entidades sen ánimo de lucro a 680 persoas sen emprego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación do crédito deste programa que con 3,2 millóns de euros máis permitirá conceder apoios a máis de 280 asociacións que traballan cos colectivos con maiores dificultades de inserción

O Goberno galego destaca que a iniciativa busca facilitar a experiencia laboral ás persoas desempregadas de Galicia, incrementando, deste xeito, as súas oportunidades de traballo

As axudas suporán de media máis de 56.600 euros, 16.800 por traballadora ou traballador contratado

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación do orzamento destinado ás axudas para entidades sen ánimo de lucro para que poidan contratar a persoas sen emprego. Trátase da iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego que ten como reto o fomento do emprego a través de programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro. Con preto dun 40% máis de investimento, a actuación permitirá que 680 persoas sen emprego se incorporen ao mercado de traballo, 189 máis das previstas nun inicio.

Invístense, en concreto, 3,2 millóns de euros máis para dar cobertura ao máximo posible das solicitudes recibidas. Deste xeito, os apoios que contarán con 11,7 millóns de euros chegarán a 283 entidades, 95 máis que as estimadas co crédito inicial (8,5 millóns).  Do que se trata é de facilitar a máis persoas unha experiencia laboral, incrementando, deste xeito, as súas oportunidades laborais.

Con esta liña a Xunta avoga por mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición da experiencia profesional; fomentando, de xeito paralelo, a súa inserción no sector dos servizos sociais.

As entidades beneficiarias deberán constar inscritas no correspondente rexistro como “iniciativa social” e garantir a contratación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero a duración dos contratos poderá chegar ata os 12 meses.  

Cada unha das entidades que resulten beneficiarias percibirá un importe medio de 56.666 euros, 16.831 euros por persoa traballadora contratada.

Desde o ano 2009, este programa permitiu contratar cerca de 9.200 persoas desempregadas. As políticas activas do Goberno galego están orientadas para brindar atención prioritaria a colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para acadalo, a Xunta pon en valor con iniciativas deste calado a imprescindible colaboración das entidades sen ánimo de lucro para a creación de emprego mediante a prestación de servizos de interese xeral e social.