A Xunta concede seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación das persoas seleccionadas, das que dúas estarán na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela e as restantes terán como destino as Oficinas Técnicas da Cooperación Española na República Dominicana, Guatemala, Perú e Mozambique

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das seis bolsas concedidas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se levarán neste ano e en 2023.

Dúas delas estarán na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela e as outras catro nas oficinas técnicas da Cooperación Española na República Dominicana, Perú, Guatemala e Mozambique.

Estas bolsas de formación da Cooperación Galega teñen como obxectivo principal apoiar a formación especializada de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica coas liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das catro bolsas noutros países, os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo.

Todos os países de destino destas bolsas son considerados países prioritarios da Cooperación Galega segundo o establecido no IV Plan Director 2018-2021, prorrogado durante o 2022.

As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación do IV Plan Director da Cooperación Galega.

Imaxes relacionadas