A Xunta destaca a xornada de Pesca España como exemplo de altofalante da frota contra o veto á pesca de fondo

Rosa Quintana fixo fincapé na aposta de Galicia pola vía xudicial para frear esta prohibición e lembrou que o Executivo galego facilitou ao Goberno central e ao sector pesqueiro argumentos xurídicos e técnicos para reforzar os recursos que presentaron contra esta medida ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea
 

Ademais a Xunta intervirá como parte coadxuvante no recurso de anulación presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela atendendo ás suxestións dos distintos asesores xurídicos consultados

Vigo, 22 de decembro de 2022

  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo a importancia de iniciativas como a I xornada técnica Pesca España O peche de áreas mariñas vulnerables, un novo desafío para o sector pesqueiro, para alzar a voz da frota ante desafíos como o veto da Comisión Europea á pesca de fondo, unha medida que carece de rigor científico e que dista da realidade pesqueira. Nesta liña, a conselleira fixo fincapé na aposta de Galicia pola vía xudicial para frear esta prohibición.

Así o sinalou na clausura desta xornada, onde subliñou que, dentro desta aposta, o Executivo galego facilitou ao Goberno central e ao sector pesqueiro argumentos xurídicos e técnicos para reforzar os recursos que presentaron contra esta medida ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Ademais, engadiu, a Xunta intervirá como parte coadxuvante no recurso de anulación presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7).

Isto, expuxo a titular de Mar, permitirá á Administración autonómica participar no proceso, responder aos argumentos da parte demandada -Bruxelas- e reforzar os da parte demandante, a OPP-7. Trátase dunha decisión que se realiza atendendo ás suxestións dos distintos asesores xurídicos consultados polo Executivo galego que aseguran que hai grandes posibilidades de que a Xunta sexa admitida a intervir como parte coadxuvante.

De feito, esta actuación realízase tendo en conta que o Estado é un actor privilexiado e ten moito máis fácil xustificar e fundamentar os prexuízos que lle causa como país membro. Nesta liña, a fórmula de acompañar ao sector é a máis oportuna para a intervención dunha comunidade autónoma, subliñou a conselleira.

Ademais a titular de Mar destacou o comportamento estanco da Comisión Europea á hora de establecer esta prohibición e a súa falta de vontade para corrixila. A isto engadiu que no 2023 continuará a incerteza, especialmente tras coñecer que os científicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) solicitaron máis tempo para formar un grupo de expertos que realice os informes científicos de cara a revisión do veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea. Nesta sentido, Rosa Quintana fixo fincapé en que Galicia seguirá traballando na defensa dos intereses da frota contra o veto á pesca de fondo, como vén facendo desde o principio.

Por último a conselleira agradeceu á Asociación de Organizacións de Produtores Pesqueiros Pesca España, presidida por Javier Garat, a organización desta xornada en Galicia e o seu papel para seguir fortalecendo os intereses do sector. Esta asociación é unha entidade de ámbito nacional recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e é pioneira no ámbito da frota de altura.

Imaxes relacionadas