A Xunta transforma o visor do Plan Básico autonómico para facer máis atractivo, accesible e comprensible o acceso á información cartográfica

O PBA, entre outras cuestións, identifica os asentamentos de poboación existentes, establece unha regulación normativa de carácter xeral para os diferentes usos do solo e da edificación, e delimita as afeccións derivadas da lexislación urbanística

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022.-
 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a terceira actualización do Plan Básico Autonómico (PBA) que tamén transforma o seu visor co obxectivo de facer máis atractivo, accesible e comprensible o acceso á información cartográfica reformulando a infraestrutura de datos espaciais.

 

Nesa liña, en base á análise da práctica habitual dos usuarios, simplifícase a canle de comunicación e interacción optando por unha fórmula de visor cartográfico único baseado nos sistemas de información xeográfica (SIX) desde o que se pode acceder aos datos vectoriais, ao catálogo e á documentación do PBA. Ademais, tamén se poden imprimir de xeito individualizado as follas en tamaño A3 das distintas series de planos, a escala 1:10000, de entre as 4.112 que abranguen a totalidade do territorio galego.

 

No relativo á actualización periódica da súa información xeográfica, revisouse a relativa aos asentamentos derivados de instrumentos de planeamento urbanístico aprobados, instrumentos de ordenación do territorio, costas, augas, transporte, enerxía, portos, agropecuaria, patrimonio cultural, minas e riscos.

 

No que atinxe á información de patrimonio natural e de paisaxe, pasa a vincularse directamente coas bases de datos dos organismos correspondentes para asegurar a coherencia da información publicada. E, nesa liña, con esta actualización avánzase no obxectivo de evitar discrepancias entre os datos dispoñibles nos distintos visores que actualizan a información sectorial dos diferentes organismos autonómicos.

 

Cómpre lembrar que a aprobación do PBA supuxo o punto de partida para levar a cabo os plans básicos municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral, e tamén serve de referencia para os Plans Xerais de Ordenación Municipal, co fin de acadar unha ordenación responsable e sostible do territorio galego.

 

Polo tanto, o PBA constitúe unha ferramenta indispensable que identifica os asentamentos de poboación existentes e establece unha regulación normativa de carácter xeral para os diferentes usos do solo e da edificación a través dunhas ordenanzas tipo, así como as delimitacións das afeccións derivadas da lexislación sectorial que inciden sobre o territorio.