A Xunta concede 33 M€ a concellos galegos para promover actuacións de rehabilitación das que poderán beneficiarse preto de 5.800 vivendas

Ángeles Vázquez anuncia que o Consello autorizará mañá a sinatura dos convenios necesarios para transferir a cada entidade local os fondos que lle corresponden


Subliña que a contía global que se repartirá finalmente entre todos os municipios solicitantes triplica o orzamento inicial de 11,48 M€ da convocatoria deste ano


Os propietarios particulares poderán solicitar axudas de ata 29.495 € por vivenda unifamiliar e de 26.750 € no caso de que o inmoble forme parte dun edificio colectivo


A provincia pontevedresa concentra case o 30% dos fondos, que se repartirán entre As Neves, Marín, Mondariz-Balneario, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontevedra e Vigo

 

O Porriño (Pontevedra), 21 de decembro de 2022

A Xunta acaba de conceder 33 millóns de euros a preto dunha trintena de concellos galegos no marco da primeira convocatoria do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, financiado con fondos europeos do Plan de recuperación. Esta contía permitirá intervir nun total de 55 contornas residenciais localizadas nestes municipios que suman preto de 5.800 vivendas.

 

Durante unha visita a O Porriño, un dos concellos que resultou beneficiario, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que mañá o Consello da Xunta autorizará a sinatura dos convenios correspondentes para facer efectivo o reparto dos fondos concedidos a cada municipio.

 

Tras felicitar ao rexedor porriñés por apostar por este programa para poñer á disposición da veciñanza 1 millón de euros cos que financiar actuacións de rehabilitación nas súas vivendas, a conselleira salientou a grande oportunidade que ofrecen os fondos europeos asignados a Galicia para intervir no eido residencial e, particularmente, para fomentar obras e melloras que contribúan a acadar inmobles máis eficientes.

 

Neste sentido, amosouse moi satisfeita pola boa acollida que tivo o programa de barrios entre os concellos galegos, un interese ante o que a Xunta propuxo triplicar a contía inicialmente prevista na convocatoria publicada o pasado mes de xullo —11,48 millóns de euros— para poder chegar ata os 33 millóns de euros finalmente concedidos e que permitirán atender todas as solicitudes municipais recibidas este ano.

 

Nas vindeiras semanas, asinaranse os convenios entre o Goberno galego, o Ministerio e cada municipio beneficiario e a partir de aí, segundo explicou, será cada entidade local a que realice a súa propia convocatoria para que os particulares poidan solicitar axudas para rehabilitar tanto vivendas unifamiliares como edificios residenciais colectivos.

 

Os propietarios terán acceso a axudas de ata 29.495 euros por vivenda unifamiliar e dun máximo de 26.750 euros no caso de que o inmoble sobre o que se vai intervir forme parte dun edificio colectivo. Estas contías, en todo caso, poderán incrementarse en 12.000 euros se fose necesario retirar elementos con amianto.

 

O importe da axuda, indicou Ángeles Vázquez, dependerá tamén do grao de eficiencia enerxética conseguido coa actuación de rehabilitación que se execute, podendo oscilar entre o 40% e o 80% do orzamento protexible. A subvención chegará ata o 100% do investimento realizado cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica nalgún dos propietarios da vivenda.

 

Así mesmo, a conselleira explicou que os propios concellos tamén poderán beneficiarse dos incentivos previstos neste programa para promover obras de urbanización, reurbanización ou mellora do entorno físico. O importe da axuda neste caso será dun 15% adicional sobre as contías máximas da axuda por vivenda. Ademais, recibirán 800 euros por inmoble rehabilitado para financiar a oficina municipal de rehabilitación.

 

55 entornos residenciais

En total está previsto que se beneficien destas axudas 55 entornos residenciais de rehabilitación programada (ERRP) declarados nos concellos galegos que recibirán fondos no marco da convocatoria deste ano. Destes 55 ERRP, 42 coinciden con Áreas de rehabilitación integral (ARI) xa declaradas con anterioridade, e ademais, en 5 casos os municipios solicitantes contan tamén cunha Área Rexurbe.

 

Na provincia de Pontevedra son 8 os municipios que se beneficiarán deste reparto: As Neves, Marín, Mondariz-Balneario, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontevedra e Vigo. Disporán entre todos de 9,85 millóns de euros para fomentar actuacións de rehabilitación nos entornos residenciais existentes nos seus respectivos termos municipais, o que representa case o 30% do financiamento concedido en toda Galicia.

 

O Porriño é o segundo municipio, por detrás de Vigo, que máis fondos recibe nesta provincia (1 millón de euros) e no seu caso destinaranse a apoiar actuacións de rehabilitación no contorno residencial declarado en Torneiros, cuxa veciñanza accederá por primeira vez a este tipo de axudas.

Imaxes relacionadas