Xunta e Fegamp coordinan actuacións para mellorar os Centros de Información á Muller e reforzar a formación das súas profesionais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, mantiveron hoxe un encontro de traballo sobre estes recursos esenciais

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, no que abordaron propostas para a mellora da Rede de Centros de Información á Muller (CIM) que pasan polo reforzo da formación do seu persoal e do mapa de recursos dispoñible.  

Ambas as dúas institucións perfilaron medidas para impulsar e garantir unha formación especializada e continuada a todas as profesionais dos CIM, co obxectivo de brindar a mellor das atencións ás mulleres usuarias e traballar na prevención da violencia de xénero e o asesoramento ás súas vítimas.

Aumentar a cobertura dos centros a todo o territorio é outros dos obxectivos xunto co de dinamizar as mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, órganos nos que se sentan en cada municipio as principais entidades educativas, sanitarias, policiais e sociais para combater este problema estrutural, reforzar a prevención e canalizar os recursos ao dispor das mulleres vítimas.

O Goberno galego destinará en 2023 máis de 4 millóns de euros aos 84 centros de información á muller existentes na comunidade. Para a Xunta os CIM son un recurso esencial que permite seguir proporcionando unha atención integral e de proximidade nun total de 193 concellos galegos, prestando servizo a unhas 9.500 mulleres cada ano.

A Xunta artellará en 2023 unha nova partida complementaria da anterior, de 1,4 millóns de euros, para a mellora das infraestruturas e do equipamento dos CIM.

Imaxes relacionadas