A Xunta presenta o Orzamento Cidadán como un instrumento de transparencia para achegar de forma sinxela e comprensible os presupostos á cidadanía

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou o documento nun acto ao que asistiron as alumnas e alumnos de segundo curso de bacharelato do IES Xelmírez II, de Santiago de Compostela

Miguel Corgos destacou que é a primeira vez en 42 anos de contas autonómicas que se presenta un Orzamento Cidadán

Trátase dun documento no que se explica de xeito sinxelo que é o orzamento, como se elabora, cales son as principais partidas de gasto e como se financian
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022.-

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe o Orzamento Cidadán, un documento que nace como un instrumento de transparencia para achegar de forma sinxela e comprensible os presupostos á cidadanía. A esta presentación asistiron as alumnas e alumnos do segundo curso de bacharelato do IES Xelmírez II de Santiago.

 

Durante o acto, Miguel Corgos destacou que esta iniciativa se presenta por primeira vez nos 42 anos de presupostos autonómicos, co obxectivo de que as contas non só estean a disposición da cidadanía, senón que sexan comprensibles para ela: que coñezan como se elaboran os presupostos e a que se dedican os seus impostos.

 

Neste sentido, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que o Orzamento Cidadán é un documento no que se explica de xeito sinxelo que é o presuposto, como se elabora, cales son as principais partidas de gasto e como se financian estas partidas.

 

A súa principal finalidade é a de trasladar a información de maneira sinxela para que calquera cidadán coñeza o principal instrumento económico financeiro de Galicia e as súas principais características.

 

O documento estrutúrase en varios apartados no que se explica o que se entende por orzamento; cales son os conceptos necesarios para entendelo; o ciclo orzamentario desde que se deseñan ata que se aproban polo Parlamento; detalles dos gastos das diferentes consellerías, sobre todo das políticas sanitarias, educativas e sociais, ás que se dedica practicamente o 75% do total do presuposto; a orixe dos ingresos, e así como tamén diversa información que pode ser de utilidade para a cidadanía.

 

Este documento poderá consultarse na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública e terá un formato pdf descargable.

Imaxes relacionadas