A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana co alcalde

A Xunta estudará colaborar co Concello de Paradela en dous proxectos para poñer en valor a parroquia de Barán e o núcleo de Pacios

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia estudará a posibilidade de colaborar economicamente co concello lucense de Paradela na execución de dous proxectos urbanísticos que buscan a posta en valor da parroquia de Barán, unha zona moi coñecida e visitada do municipio, e do núcleo tradicional de Pacios.

 

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor, José Manuel Mato, con quen mantivo unha reunión esta tarde para abordar diferentes asuntos de interese municipal no marco das súas competencias.

 

Concretamente, o alcalde explicoulle que o primeiro destes proxectos municipais prevé a recuperación dun espazo público en Barán para habilitar unha praza que sirva de punto de encontro entre a veciñanza. Ademais, incidiu no atractivo turístico desta parroquia, na que se localiza o Castro de Barán integrado por un foso, dúas terrazas e unha croa.

 

En canto á intervención proxectada no núcleo tradicional de Pacios, o rexedor municipal indicou que o obxectivo é realizar unha serie de intervencións sobre os elementos patrimoniais que alberga este ámbito.

 

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Xunta impulsou no ano 2010 o plan Hurbe para apoiar aos concellos na execución de actuacións urbanísticas que dinamicen as vilas galegas e contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da dotación de equipamentos e servizos públicos, polo que se comprometeu co alcalde a estudar ambos proxectos e analizar o seu posible encaixe no referido programa.

 
O vindeiro ano, o Goberno galego seguirá apoiando ás entidades locais na execución deste tipo de intervencións urbanísticas cun orzamento de 8,6 millóns de euros, un 23% máis que o reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas