A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respondeu esta tarde a unha interpelación sobre o novo modelo de coidados de Galicia

A Xunta publicará a principios do vindeiro ano a orde de estrutura de residencias

Regulará a organización dos centros de nova creación atendendo a unidades de convivencia dun máximo de 25 usuarios

Avanzouse nos catro piares fundamentais a través de cambios normativos, licitación de obras e novo equipamento e, por suposto, de fondos e orzamentos vencellados

Por outra parte, Fabiola García defendeu a profesionalidade dos traballadores do CRAPD de Vigo, que estes días foron acusados de supostos malos coidados aos usuarios

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que o Goberno galego publicará a principios do vindeiro ano a orde de estrutura de residencias, que regulará a organización interna dos centros de nova creación atendendo a unidades de convivencia dun máximo de 25 usuarios. Así o manifestou esta tarde no Parlamento autonómico en resposta a unha interpelación sobre a implantación do novo modelo de coidados de Galicia.

A conselleira sinalou que o Goberno galego avanzou durante o último ano na implantación das medidas ideadas polo Comité asesor sociosanitario a través de cambios normativos, licitacións de obras e novo equipamento e, por suposto, con fondos e orzamentos. Así mesmo, explicou que os avances producíronse nos catro piares propostos: tanto na humanización dos centros, coma nos avances tecnolóxicos, no reforzo da coordinación sociosanitaria e nas melloras estruturais.

Neste sentido, detallou que entre as medidas impulsadas atópase a posta en marcha do programa piloto de residencias intelixentes na residencia pública autonómica da Estrada, no impulso de cursos de formación para todos os profesionais dos centros de servizos sociais ou na contratación de equipos multiparamétricos para optimizar o traballo dos profesionais destes centros e que contou cun orzamento de 550.000 euros.

Melloras nos centros

Así mesmo, tamén destacou a instalación do programa Sios Life nas residencias Porta do Camiño, en Santiago, e da Estrada, que propón actividades para as persoas maiores a través da realidade virtual;  o impulso do Plan de calidade de residencias, que permite certificar en base a estándares internacionais a calidade dos centros; ou a reforma das residencias Torrente Ballester, na Coruña, e Campolongo, en Pontevedra, que permitirá a súa remodelación interior e a incorporación do sistema Rehametrics, para realizar fisioterapias e rehabilitacións.

Fabiola García apuntou que este mesmo ano tamén se aprobou a primeira normativa galega de Cohousing ou vivendas colaborativas, un novo modelo de servizos que busca crear centros máis cómodos que respecten as preferencias das persoas maiores; e que este mesmo mes licitarase o primeiro centro de coidados intermedios público de España, que se situará en Santiago e que permitirá atender a persoas que recibiron a alta hospitalaria, pero que seguen requirindo coidados específicos.

Novas residencias públicas

Por último, a conselleira explicou que a Xunta xa avanza en novos retos de cara o próximo ano 2023, como a implantación de Cenres en todos os centros residenciais para axuntar os datos sanitarios e sociais dos usuarios e optimizar o fluxo de información; tamén se darán novos pasos para que os hospitais galegos sirvan a medicación a todas as residencias de máis de 90 prazas.

Ademais, poranse en funcionamento as primeiras residencias públicas que apliquen o novo modelo de xeito integral como será a residencia de Antas de Ulla, de Ribeira e os sete centros que está a construír a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades.

Apoio ao persoal do centro de Vigo

Fabiola García tivo unhas palabras para os traballadores do CRAPD de Vigo, que durante estes días foron acusados de supostos malos coidados aos usuarios. Durante a súa intervención lamentou que se trate de criminalizar a uns traballadores que demostran cada día a súa profesionalidade, o seu compromiso e a  súa preocupación polas persoas maiores.

 

Imaxes relacionadas