O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu á entrega dos galardóns en Santiago de Compostela

Conde destaca que os gañadores e finalistas dos Premios de Innovación e Deseño son unha inspiración para novas iniciativas no tecido empresarial

Subliña que son casos de éxito que demostran que innovación e deseño van da man e son o valor engadido que lle podemos dar á Marca Galicia

Na categoría de innovación foron premiadas as empresas Ceamsa (O Porriño) e Alén Space (Nigrán), xunto co recoñecemento á traxectoria de Catalina Fernández de Ana Portela -Hifas da Terra (Pontevedra)-; mentres que no deseño se distinguiu o labor de Unvi Carroceros (San Cibrao das Viñas), do pontevedrés Isaac Piñeiro e da viveirense Sara Regal

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe en Santiago de Compostela durante a entrega dos III Premios Galicia de Innovación e Deseño, que os gañadores e finalistas axudan a reivindicar o ben que o sabe facer Galicia, ao mesmo tempo que inspiran novas iniciativas no tecido empresarial. 

Segundo o vicepresidente económico, son casos de éxito que demostran que a innovación e o deseño van da man e son o valor engadido que lle podemos dar á Marca Galicia.
Os premios, postos en marcha a través da Axencia Galega de Innovación, queren recoñecer o talento galego e impulsar a cultura innovadora e o deseño entre o tecido empresarial.
 

Nesta terceira edición resultaron premiados, no apartado de innovación, a Compañía Española de Algas Marinas, Ceamsa (O Porriño), firma destacada no sector biotech, na categoría de grande empresa; e Alén Space (Nigrán), na de pequena e mediana empresa grazas aos seus avances no ámbito dos pequenos satélites. Xunto a elas, foi distinguida a traxectoria innovadora de Catalina Fernández de Ana Portela (Pontevedra) polo seu labor ao fronte de Hifas da Terra. 

No apartado de deseño, foi premiada a creatividade do pontevedrés Isaac Piñeiro na categoría de profesionais. O compromiso coa mobilidade sustentable de Unvi Carroceros (San Cibrao das Viñas) conseguiu o premio na categoría de empresas, como exemplo da incorporación do deseño á súa estratexia empresarial. Finalmente, distinguiuse á viveirense Sara Regal na categoría de talento emerxente.  

Conde lembrou que a Xunta de Galicia conta co Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade Diferenza, que busca consolidar este ecosistema galego, apoiar a formación en deseño, organizar e participar en experiencias de innovación social, así como incorporar o deseño e a innovación na Administración pública.  

Dentro deste programa destacan os premios que hoxe se entregaron, pero tamén iniciativas como as axudas do DeseñaPeme, a creación dun mapa de provedores ou a celebración de eventos que axudan a difundir o labor que se está realizando.

Imaxes relacionadas