A Xunta ofertará en 2023 máis de 37.000 prazas formativas para o persoal empregado público

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos presidiu o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, onde se presentou o Plan de formación previsto para o ano 2023
 

A programación do próximo ano incorporará un importante número de contidos innovadores, que presentan un carácter estratéxico para o conxunto da función pública de Galicia
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022  A Xunta de Galicia convocará ao longo do próximo ano 2023 un total de 37.872 prazas formativas dirixidas ao persoal empregado público galego. Así o adiantou esta tarde a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, durante a presentación do Plan de formación de 2023 ao Consello Reitor do organismo, presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

 

A programación prevista para o próximo ano, formada por 727 edicións, incorporará un importante número de contidos innovadores, que presentan un carácter estratéxico para o conxunto da función pública de Galicia así como para a modernización das administracións públicas. Ademais, este plan formativo continúa a tendencia da xeneralización da formación en liña, cunha ampla oferta nas modalidades de teleformación, autoformación e telepresenza.

 

Por outra banda, en 2023 incrementaranse os cursos de idiomas con novos niveis de lingua italiana e portuguesa e coa inclusión de cursos de conversa e gramática en lingua francesa e redacción en lingua inglesa.

 

Ademais, continúa o compromiso da Escola coa formación do persoal empregado público en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero. Así, incrementarase a oferta ata as 2.264 prazas e incorporaranse novos contidos para tratar temáticas coma a atención ás mulleres e nenas con discapacidade vítimas da violencia de xénero, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, os delitos de odio por orientación sexual e identidade de xénero ou a violencia de xénero nas mulleres maiores, entre outros.

 

Finalmente, tamén destaca o incremento da formación dirixida ao persoal da Administración de Xustiza de Galicia, con 12 edicións e case 600 prazas máis ca neste ano.

 
 
 

Todas as actividades incluídas no Plan de formación presentado hoxe irán dirixidas en exclusiva ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ao persoal das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza de Galicia, ao persoal ao servizo das entidades locais de Galicia e ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do sistema universitario de Galicia.

 

Cursos monográficos, cursos superiores, xornadas e webinarios

O plan formativo presentado hoxe completarase coa convocatoria ao longo do ano de cursos monográficos, cursos superiores, xornadas e webinarios. Neles trataranse en profundidade materias de actualidade coma a administración electrónica, a protección de datos, a ciberseguridade, o compliance, a rehabilitación urbana, a responsabilidade patrimonial, a intelixencia artificial ou as novidades lexislativas máis recentes.

 

Tamén está previsto impartir un curso específico para o persoal directivo, o cal se estruturará en cinco módulos de 50 horas cada un.

 

Instituto de Economía Pública de Galicia

Para 2023, no marco do Instituto de Economía Pública de Galicia convocaranse un total de 30 edicións e 940 prazas, unha cifra sensiblemente superior á do presente ano. Ademais, están previstos cursos superiores, monográficos e xornadas sobre política económica, innovación e competitividade, regulación económica ou auditoría, entre outros.

Imaxes relacionadas