A Xunta fomenta a mobilidade sostible coa concesión de 76.000 euros para mercar 158 bicicletas eléctricas na provincia de Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, explica que este programa continuará o vindeiro ano despois da boa acollida que tivo a primeira edición entre a cidadanía, en especial nas contornas urbanas
O municipio de Lugo concentrou o 31% das achegas outorgadas na provincia, un total de 49, seguido de Monforte de Lemos, con 19 axudas concedidas
Arias afirmou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continuará con esta liña de incentivos o vindeiro ano trala boa acollida que tivo a primeira edición
Lugo, 20 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu axudas por importe de 76.300 euros a cidadáns de 35 concellos da provincia de Lugo para facilitar a adquisición de 158 bicicletas eléctricas con cargo á iniciativa E-Bici, enmarcada nas accións da Xunta para fomentar unha mobilidade máis sostible.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, informou das achegas outorgadas con cargo á primeira edición deste programa no transcurso dunha visita a dous dos comercios lucenses colaboradores, MTC Bicis e Lucusbike. Arias afirmou que a Xunta xa consignou 1 M€ para continuar coa medida o vindeiro ano trala boa acollida que tivo entre os particulares, en especial nas contornas urbanas.
Precisou que o municipio de Lugo concentrou o 31% das axudas aprobadas na provincia -49 en total -; seguido de Monforte de Lemos, con 19 apoios concedidos. Tamén destacan concellos como Outeiro de Rei, con 6 beneficiarios; e o conxunto da Mariña, que suma 45 achegas outorgadas para mercar unha bicicleta eléctrica distribuídas en 11 concellos: Burela (9), Viveiro (8), Foz (8), Cervo (6), Ribadeo (6), Barreiros (2), Xove (2), Lourenzá (1), Trabada (1), Mondoñedo (1) e Alfoz (1).
Arias destacou que o obxectivo deste programa de incentivos é dar facilidades aos cidadáns que optan por realizar os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, fomentando unha mobilidade máis saudable e reducindo as emisións a atmosfera e tamén o ruído.