A Xunta convoca por un total de 280.000 € dúas ordes de axudas destinadas a mellorar a xestión de terreos cinexéticos e a fomentar a riqueza piscícola dos ríos

No caso das subvencións dirixidas aos Tecores, dotadas neste caso de 230.000 €, poderán cubrir o 100% do investimento, cun límite por solicitude de ata 16.000 €

Cun orzamento reservado para o ano que vén de 50.000 €, as 69 entidades colaboradoras de pesca continental rexistradas en Galicia poderán optar a axudas de case 12.000 € para organizar actividades divulgativas e accións de vixilancia fluvial

O prazo para acollerse a ambas ordes comezará mañá e permanecerá aberto un mes

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 A Xunta convocou hoxe dúas ordes de axudas dirixidas, por un lado, a fomentar a xestión dos recursos cinexéticos e polo outro, a impulsar a riqueza piscícola dos ríos galegos. O orzamento de ambas liñas para o próximo ano suma un total de 280.000 euros.

 

No caso das subvencións dirixidas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor), poderán acceder a incentivos para levar a cabo actuacións que garantan o equilibrio destes hábitats mediante traballos de roza e trituración mecánica de mato, entre outros, ou para a construción de tobeiras artificiais nestes espazos.

 

Segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia o orzamento global destinado pola Xunta a estas axudas o vindeiro ano será de 230.000 euros, o que supón un incremento do 15% respecto da dotación que tiñan este ano. A axuda poderá acadar o 100% do importe da actuación subvencionable, cun límite de 10.000 euros para financiar actuacións de roza e de 6.000 euros para construír tobeiras.

 

Cómpre lembrar que esta é a terceira orde de axudas consecutiva que publica a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para apoiar aos titulares de Tecores co fin de garantir o equilibrio dos hábitats cinexéticos.

 

En canto á outra orde de subvencións, os potenciais beneficiarios son as entidades colaboradoras de pesca continental rexistradas en Galicia —a día de hoxe, un total de 69— e conta para 2023 cun orzamento de 50.000 euros.

 

Neste caso, a convocatoria distingue entre actuacións de vixilancia de tramos fluviais a executar entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023, cun límite por axuda de 9.360 euros; e actividades divulgativas e formativas como charlas ou talleres cuxo fin sexa o fomento da pesca sen morte, o emprego das técnicas menos lesivas e a promoción e difusión dos valores deportivos e ambientais ligados á práctica desta actividade deportiva, sobre todo, entre a poboación moza, cun importe máximo de 2.500 euros.

 

Trátase da cuarta convocatoria que fai a Xunta desde o ano 2020 das axudas a entidades colaboradoras de pesca continental rexistradas en Galicia.

 
Tanto no caso da orde de subvencións dirixidas á xestión dos recursos cinexéticos como no das axudas para fomento da riqueza piscícola, as persoas e entidades interesadas terán un mes a contar desde mañá para facer as súas solicitudes, que deberán presentar obrigatoriamente por medios telemáticos.