Máis dun millar de escolares de Ferrolterra participan en Narón na proba zonal de campo a través ao abeiro do programa Xogade

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao estadio municipal de Río Seco en cuxa contorna se desenvolveron as probas en categorías benxamín, alevín e infantil

O programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte ten por obxectivo levar a actividade a todos os concellos e brindarlle á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade galega

Narón (A Coruña), 20 de decembro de 2022 A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, animou esta mañá aos escolares de centros educativos de Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón e Ferrol que tomaron parte nunha das probas de campo a través do calendario local do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2022/2023 que promove a Secretaría Xeral para o Deporte.

 

Un total de 1.100 alumnos de colexios públicos e concertados -CPI As Mirandas, CPR Unión Mugardesa, CEIP Santiago Apóstol, CEIP O Ramo, CEIP Maciñeira, CPR Ayala, CPI O Feal, CEIP Piñeiros, CEIP Ponte de Xuvia, CEIP Pazos y CEIP Ponzos- tomaron parte na proba, a máis multitudinaria das que se celebran nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que se levou a cabo nas inmediacións do estadio municipal de Río Seco, en Narón.

 

A competición, que dá acceso ao campionato provincial da disciplina que se celebrará na comarca nos próximos meses, desenvolveuse nas categorías benxamín, alevín e infantil, desde 2º a 6º de Primaria.

 

A delegada territorial, que tamén estivo acompañada polo coordinador do programa, José Amando Pena, destacou a importancia da práctica deportiva nas categorías de base “de cara a afianzar hábitos de vida saudable e afastar os problemas de saúde relacionados co sedentarismo e a inactividade física nas idades máis adultas”, sinalou.

 

Oferta deportiva e lúdica

O programa Xogade agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlle á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade galega. Na zona xestiona preto de 7.000 licencias entre todas as disciplinas deportivas.

 

A de campo a través é unha das 15 modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade este curso xunto ás de atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Nesta tempada mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos participantes e tamén o transporte e a participación nas actividades, a cargo da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No caso da actividade federada, tamén se sufragará un seguro deportivo de 6 a 16 anos financiado pola Xunta para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

Na tempada 2022/2023 adheríronse 37 federacións ao programa Xogade que inclúe este ano ademais outras actividades como: Coñece o meu club, para facilitar aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, cara á contribución ao seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades que se poderán incorporar ao longo da tempada como breaking, deportes alternativos e tradicionais, parkour, remoergómetro...

Imaxes relacionadas