Trenor participa na inauguración do Foro da Axenda Urbana organizado polo Concello de Ames

O delegado da Xunta animou a todos os participantes a sacar o maior aproveitamento desta cita e a empregar ao Goberno da Xunta, como axente de cohesión e como bastón de apoio neste apaixonante camiño que afrontan as cidades

Ames (A Coruña), 20 de decembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na inauguración do Foro da Axenda Urbana que tivo lugar hoxe no Concello de Ames no que se abordaron os retos das cidades intermedias nunha xornada que se celebrou baixo o lema: “Galicia e Axendas Urbanas: o papel das cidades intermedias”.

O representante do Goberno galego lembrou na súa intervención “que a día de hoxe, ao redor do 56% —máis da metade xa— da poboación mundial vivimos en cidades. É unha tendencia á alza, xa que a poboación urbana aumentará a máis do dobre para 2050, momento en que case 7 de cada 10 persoas vivirán en cidades. Máis do 80 % do produto interno bruto (PIB) mundial xérase nas cidades”. Por iso, recalcou “debemos prepararnos para aplicar os máximos estándares de benestar neste modelo que todos escollemos”.

O delegado da Xunta incidiu en que “a elaboración das axendas urbanas é un proceso vivo, en constante evolución e suxeito actualmente a un proceso de transición”. “O que no seu día xurdiu como as estratexias EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) deu paso a un marco de criterios de implementación englobado baixo o paraugas da Axenda 2030 no que todos estamos a traballar conxuntamente”, asegurou.

Trenor animou a todos os participantes “a sacar o maior aproveitamento desta cita e a empregar ao Goberno da Xunta, como axente de cohesión e como bastón de apoio neste apaixonante camiño que afrontan as cidades”.

Imaxes relacionadas