O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na inauguración da mostra que se pode ver no edificio administrativo da Xunta en San Caetano

A Xunta dá visibilidade ao traballo de Acougo con familias acolledoras a través do ciclo de exposicións ‘Retratos: Familia e Infancia’

O Executivo autonómico desenvolverá en 2023 o I Plan de Impulso ao Acollemento Familiar

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na inauguración dunha exposición de Acougo centrada no acollemento familiar de nenos e adolescentes en situación de desprotección. Esta mostra pódese ver no espazo da pirámide do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano e enmárcase no ciclo titulado ‘Retratos: Familia e Infancia’. 

Jacobo Rey destacou a aposta da Xunta de Galicia polo acollemento familiar para garantir o benestar e a protección dos menores. Neste sentido, gabou o traballo de entidades como Acougo, que ten un trato directo coas familias para preparalas de cara a un acollemento. A Administración autonómica tamén ten programas de acollemento de menores con Aldeas Infantís e Cruz Vermella. 

O director xeral apuntou que os orzamentos do Goberno galego para 2023 inclúen o que será o primeiro Plan de Impulso ao Acollemento Familiar de Galicia, que permitirá incrementar un 20% os fondos para aumentar as axudas que reciben estas familias, desenvolver programas especializados neste ámbito e campañas específicas para informar ás familias. 

Nesta liña, lembrou que o Executivo autonómico ten en marcha un programa de acollemento familiar especializado para seleccionar a fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores teña unha cualificación profesional específica. Confíase en que ata 30 familias galegas participen nesta primeira experiencia.

Imaxes relacionadas