A Comisión Galega de Protección Civil informou de xeito favorable das revisións e actualizacións de catro plans de emerxencias exterior

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe o pleno da entidade, na que se informou favorablemente dos Plans de Emerxencia Exterior de Punta Promontoiro, Foresa-Caldas, Syngenta e Gasib
 

Na xuntanza tamén se informou dos simulacros e exercicios de carácter autonómico levados a cabo neste ano 2022
 

A maiores abordáronse as medidas previstas para a divulgación do novo decreto de plans de autoprotección que entra en vigor en abril de 2023
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

  O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe a Comisión Galega de Protección Civil, na que se informaron favorablemente das revisións e actualizacións de catro plans de emerxencia exterior.

En concreto, da revisión do Plan de Emerxencia Exterior de Punta Promontoiro, referido ao complexo industrial que acolle as instalacións de Reganosa e de Forestal del Atlántico e Imegasa, en Mugardos. A maiores, aprobáronse as actualizacións dos PEE das empresas Syngenta, Foresa-Caldas e GASIB Sociedad Ibérica de Gas Licuado, esta última situada en Maside. Na reunión participaron tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Os plans de emerxencia exterior son elaborados pola Xunta e teñen como obxectivo determinar os posibles riscos destas instalacións industriais e ter preparada a resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente. Son instrumentos que prevén todos os posibles riscos das instalacións industriais que superan un determinado nivel de substancias perigosas, de acordo co establecido nas directivas europeas (directiva SEVESO) e na normativa estatal.

Así mesmo, establece medidas de actuación ante estes riscos, que involucran ás propias empresas, aos medios de emerxencias das distintas administracións e á cidadanía que poida resultar afectada. Ademais, debe coordinarse cos plans de actuación municipal e cos plans de emerxencia interior que teñen os establecementos industriais.

Simulacros e exercicios

No encontro, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva deu conta dos simulacros e exercicios realizados ao longo de 2022 para comprobar a efectividade de plans de emerxencias de protección civil autonómicos. Foron dez actuacións dirixidas a facerlle fronte a unha hipotética situación de emerxencia, derivada dun suposto accidente ou catástrofe, e que serviron tanto para comprobar a eficacia das medidas deseñadas como para definir posibles melloras.

Diego Calvo sinalou que a través destes exercicios búscase a constatación da calidade da coordinación entre os grupos operativos e a avaliación da capacidade para a toma de decisións dos órganos de xestión, así como o ensaio das medidas recollidas nos manuais operativos e dos procedementos dos distintos participantes.

A media do persoal que participou en cada acción foi dun cento de profesionais de protección civil, servizos de extinción de incendios e salvamento, forzas e corpos de seguridade, servizos de urxencias sanitarias, Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), e Cruz Vermella, entre outros.

Dous dos simulacros desenvolvéronse nos aeroportos de Vigo e de Santiago para comprobar a eficacia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga). A eles sumáronse catro exercicios para poñer a proba a efectividade do Plan Especial ante o Risco de Incendios Forestais (Peifoga) nas catro provincias. Os Plans de Emerxencia Exterior (PEE) por risco químico centraron outros catro simulacros realizados nas empresas Foresa en Caldas de Reis e Syngenta en Mos, o Polígono Industrial A Grela Bens da Coruña, e Cabo Prioriño, en Ferrol.

A maiores, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e mais a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) coordináronse coa Consellería do Mar en dous simulacros de activación do Plan de contaminación mariña de Galicia (Plan Camgal). Canto aos exercicios enmarcados nos Plans de autoprotección que deben elaborar os titulares dos centros, establecementos ou actividades susceptibles de xerar emerxencias, e nos que participa a Xunta en función das características, comunicáronselle ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112 Galicia) 272 simulacros e colaborouse en 213 deles.

Segundo destacou o vicepresidente segundo, os simulacros realizados permitiron que as persoas responsables coñezan e entendan mellor as súas funcións no caso dunha situación de emerxencia, ademais de facilitar a proposta de medidas correctoras para manter os plans actualizados.

Novo decreto de plans de autoprotección

Na xuntanza tamén se informou do novo decreto de plans de autoprotección que entrará en vigor en abril de 2023. Nel establécese o catálogo de actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias coa obriga de rexistrar un plan de autoprotección, así como o contido mínimo que debe ter, entre outros aspectos.  
Con respecto á nova norma, abondouse na necesidade de impulsar o seu coñecemento entre as entidades que deban aplicalo. Así, a Xunta prevé diversas accións divulgativas, como a organización dunha xornada informativa específica a comezos do vindeiro ano.

Imaxes relacionadas