A Xunta convoca axudas por 450.000 € para apoiar a concellos e asociacións protectoras no coidado e atención dos animais domésticos abandonados

No caso das entidades locais, as axudas cubrirán gastos de esterilización, vacinación, identificación e rexistro dos exemplares ao seu cargo así como a alimentación


As entidades poderán empregar os fondos para sufragar as mesmas actuacións que os concellos e, a maiores, facer campañas de sensibilización e comprar material


Trátase da sétima convocatoria consecutiva que publica o Goberno galego destas subvencións, ás que leva destinados preto de 2 millóns de euros desde o ano 2017
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021

A Xunta convocou hoxe dúas ordes de axudas por un importe global de 450.000 euros dirixidas a apoiar tanto aos concellos como ás entidades e asociacións protectoras de animais no financiamento dos gastos que asumen a diario co obxectivo de garantir o coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo.

 

Un ano máis, o Goberno galego decidiu convocar dúas ordes por separado. Unha delas, dotada con 230.000 euros, dirixida especificamente a concellos ou agrupacións de entidades locais como administracións responsables da recollida e acollemento dos animais abandonados nos seus municipios; e a segunda, cun orzamento de 220.000 euros, destinada a entidades inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

 

No caso das axudas dirixidas ás entidades locais, entre os gastos subvencionables inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), a compra de alimento e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas, dos animais de compañía ao seu cargo.

 

En canto ás subvencións para apoiar ás protectoras, poderán solicitar tamén, a maiores das anteriores, axudas para a compra de material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para a xestión e manexo dos animais como, por exemplo, remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico, dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro, ou equipamento veterinario. A subvención poderá chegar, neste caso, a 5.000 euros por solicitante.

 

Así mesmo, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas en Galicia tamén poden acollerse a axudas de ata un máximo de 2.500 euros para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares dunha instalación dedicada a este fin.

 

Estímase que grazas ao orzamento reservado a ambas liñas de axudas en 2023 poderase chegar a realizar actuacións que beneficien a máis de 16.000 animais abandonados.

 

Tanto os concellos como as asociacións poderán pedir que se lles subvencionen calquera destes gastos sempre que se executen no período comprendido entre o 1 de setembro deste ano e o 31 de agosto do que vén. O prazo para que concellos, agrupacións locais e entidades debidamente rexistradas na Comunidade poidan presentar as súas solicitudes estenderase desde mañá e a ata o 15 de setembro do próximo ano.

 
Apoio no coidado dos animais domésticos abandonados

Cómpre subliñar que se trata da sétima convocatoria consecutiva destas axudas por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, un esforzo para apoiar ás protectoras e ás entidades locais no labor que realizan cos animais abandonados ao que destinou xa desde 2017 un importe global de case 2 millóns de euros.

 

Deste xeito, a Xunta seguirá traballando un ano máis da man das administracións locais competentes e daquelas entidades implicadas de forma directa no coidado e manutención dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia a través de medidas efectivas e de campañas e charlas para fomentar a concienciación cidadá.