A Xunta e o cerco galego constatan a necesidade de que España adopte medidas para garantir a viabilidade do sector ante o recorte do xurelo no cantábrico

O Executivo galego e a frota piden que o Estado estude actuacións como unha posible parada biolóxica para as frotas de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco e a habilitación das correspondentes axudas para que a súa actividade sexa rendible
 

As partes apostan porque España negocie con Portugal un incremento das posibilidades de captura da sardiña en augas ibéricas unha vez que os últimos informes científicos mostran que a especie está totalmente recuperada
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe á Comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca para analizar o resultado das negociacións dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2023. Nesa xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, a Xunta e os distintos representantes da frota de cerco de Galicia constataron a necesidade de que España adopte medidas para garantir a viabilidade do sector ante o recorte das posibilidades de pesca de xurelo no Cantábrico e augas de Gran Sol.

O acordo acadado a semana pasada no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea establece para o próximo ano unha cota desta especie nos caladoiros do norte de 15.000 toneladas, das que apenas 3.200 corresponden a España e condicionadas á pesca accesoria.

Este feito -o de non poder facer pesca dirixida entre Fisterra e o golfo de Biscaia- complica en gran medida a actividade dos preto de 150 cerqueiros cos que conta Galicia pois non se aprobaron flexibilidades interanuais nas posibilidades de captura nin aumento nos intercambios entre as zonas IXa -de Fisterra cara o sur- e VIIIc, de Fisterra cara o norte.

Ante esta situación, as partes coincidiron na necesidade de que o Goberno central estude medidas como unha posible parada biolóxica para as frotas do Cantábrico -Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco- e a habilitación das correspondentes axudas co obxectivo de que a súa actividade poida ser rendible.

A maiores, tanto a Xunta como o sector apostaron porque España negocie con Portugal unha xestión da sardiña en augas ibéricas que permita incrementar en boa medida as capturas unha vez que os últimos informes científicos sobre o estado biolóxico desta especie constataron que se atopa totalmente recuperada.

Balance negativo

A conselleira do Mar asegurou que o Executivo galego vai seguir traballando xunto ao sector para paliar o impacto das decisións adoptadas en Bruxelas e garantir o futuro da actividade. Neste sentido, lamentou que o resultado das negociacións dos TAC e cotas para 2023 foi negativo para Galicia tendo en conta que, tras moitas horas de contactos e debates, o acordo acadado apenas supuxo cambios en relación coa proposta inicial de Bruxelas. 

Rosa Quintana salientou que os incrementos rexistrados en especies como a pescada, o rapante ou o peixe sapo se corresponden coa proposta da Comisión Europea en base aos informes dos científicos e froito do esforzo realizado polo sector para recuperar os caladoiros. Mentres, nas cuestións máis negativas -como o xurelo do norte ou a anguía- os avances foron mínimos e insuficientes malia os sacrificios que está a facer a frota e a boa xestión que se está a desenvolver en Galicia.

A conselleira lamentou a falta de capacidade de negociación da delegación española neste Consello de Ministros de Pesca e tamén a intransixencia mostrada polo Executivo comunitario, que volveu basear todas as súas decisións unicamente nos aspectos ambientais, sen atender aos económicos e sociais.    

Imaxes relacionadas