A Xunta concedeu este ano 550.000 euros a 124 pemes e autónomos lucenses para apoiar actuacións de aforro enerxético

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, explican que o Bono Enerxía Peme chegou a negocios de sectores variados repartidos por toda a provincia

As achegas cobren o 80% dos gastos ata un máximo de 6.000 euros para afrontar medidas como renovar electrodomésticos por outros de menor consumo ou mellorar os sistemas de climatización, entre outras

Lugo, 19 de decembro de 2022 Un total de 124 empresas e autónomoslucenses obtiveron este ano apoios por valor total de 550.00 euros para acometer actuacións de aforro enerxético nos seus negocios con cargo ao Bono Enerxía Peme da Xunta.

 

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitaron hoxe na cidade de Lugo un dos establecementos beneficiarios, o hotel Santiago, que accedeu a estes incentivos para substituír electrodomésticos antigos por novos aparatos de menor consumo e para mellorar a climatización. No municipio de Lugo hai 37 beneficiarios que suman 163.000 euros en axudas.

 

Ambos responsables autonómicos explicaron que o programa chegou a negocios de sectores variados repartidos por toda a provincia, como establecementos de aloxamento, locais de hostalería e restauración, comercios de diversos ramos, servizos de estética ou ximnasios, entre outros.

 

En canto á distribución por zonas, na comarca de Lugo concedéronse 47 axudas por importe de 207.000 euros; na Terra Chá e Meira 27 por valor de 121.500 euros – 20 delas no municipio de Vilalba -; na Mariña hai 24 pemes e autónomos que se benefician de 109.000 euros -; na Zona Sur aprobáronse 15 expedientes por 65.400 euros; no municipio de Sarria hai cinco por 13.800 euros; na área da Montaña catro que suman 20.300 euros concedidos; e na Ulloa dous con 10.500 euros en achegas.

 

Actuacións subvencionables

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación puxo en marcha esta liña de axudas o pasado ano para contribuír á reactivación ante a situación económica xerada pola pandemia e este ano retomouna no marco do Plan de Choque para afrontar a inflación.

 
Entre os investimentos subvencionables figuran a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas térmicas; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior, incluídos os rótulos, por outros de tecnoloxía Led; a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións eléctricas; o cambio de equipamentos como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparatos de redución de consumo en sistemas de climatización, ventilación ou auga quente; e a implantación de sistemas domóticos e inmóticos. As axudas subvencionan ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000 euros por solicitude.

Imaxes relacionadas