A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou hoxe no acto de conmemoración

A Xunta salienta a posición de referencia do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia no seu 30 aniversario

Sagrario Pérez incide en que a mellora das súas instalacións, a cualificación do seu persoal e a dotación de medios técnicos de última xeración permitiron lograr a excelencia deste organismo que vela pola calidade ambiental da Comunidade

A Coruña, 19 de decembro de 2022

O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia cumpre 30 anos convertido nun “centro de referencia” que nutre de datos a universidades, departamentos autonómicos e diferentes entes, tal e como salientou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, durante o acto de celebración do aniversario deste organismo.

 

Logo de incidir en que a súa posta en marcha supuxo un “antes e un despois”, a directora xeral lembrou que ao longo destes 30 anos a Xunta impulsou melloras nas instalacións das súas sedes da Coruña e Pontevedra, que, xunto coa cualificación do persoal e a dotación de medios técnicos de última xeración, permitiron lograr a “excelencia” deste Laboratorio á hora de velar pola calidade ambiental de Galicia.

 

Nesa liña, segundo avanzou Sagrario Pérez, o vindeiro ano 2023 licitarase -cun orzamento inicial estimado de máis de 780.000 euros- a obra de mellora da eficiencia enerxética da sede da Coruña para reducir o consumo de enerxía primaria non renovable nun 30%, como mínimo.

 

Durante o acto de celebración, no que estivo acompañada da secretaria xeral de Industria, Paula Uría; e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, Sagrario Pérez puxo en valor o traballo que desenvolve este Laboratorio realizando as análises necesarias para avaliar o estado químico das augas naturais e para dar a coñecer a composición do material particulado do aire ambiental e da auga de chuvia. Ademais tamén colabora coa Inspección Ambiental no seguimento dos plans de vixilancia ambiental definidos nas autorizacións ambientais integradas.

 

A maiores, cómpre lembrar que o Laboratorio realiza tarefas de vixilancia e control das emisións á atmosfera e tamén tramita as autorizacións de focos de emisión de instalacións que non fan emisións industriais, pero que realizan actividades incluídas no Catálogo de Actividade Potencialmente Contaminadoras da Atmosfera (Capca).

 

Imaxes relacionadas