A Xunta acada o seu máximo histórico para equipamentos deportivos con 4,6 M€ para 811 entidades en 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de federacións, clubs e sociedades deportivas beneficiarias da segunda convocatoria destas subvencións con 714 solicitudes admitidas que percibirán case 4M€

Súmanse ás 97 beneficiarias da primeira convocatoria deste ano ás que corresponden outros 700.000 euros

O Goberno galego leva investidos nestas axudas máis de 10,3M€ desde 2009 en apoio á compra de material de 1.741 entidades

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de entidades beneficiarias da segunda convocatoria deste ano para a concesión de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivo. Trátase de 714 entidades deportivas -18 federacións e 696 clubs ou seccións deportivas- que percibirán , que percibirán case 4M€. Estas entidades súmanse ás 97 xa beneficiarias da primeira convocatoria destas axudas por un importe de 700.000 euros. Polo tanto, entre ambas ordes, o próximo ano un total de 811 federacións, clubs e sociedades deportivas percibirán máis de 4,6 millóns de euros.

 

Canto ás 18 federacións que resultaron beneficiarias nesta segunda convocatoria inclúense as de kickboxing, baloncesto, deporte adaptado, hóckey, motociclismo, tiro con arco, billar, actividades subacuáticas, rugby, montañismo, xadrez, esquí náutico, bolos, espeleoloxía, motonáutica, pelota, tenis de mesa e columbicultura.

 

No que se refire aos 769 clubs e sociedades deportivas beneficiarios -73 na primeira convocatoria e 696 na segunda- 264 son da provincia da Coruña, 104 da de Lugo, 63 da de Ourense e 338 da de Pontevedra.

Con todo, os máis de 4,6 millóns de euros investidos  para a adquisición de equipamentos deportivos en 2023 acadan o máximo histórico anual dirixido a este obxecto e representan o 44,61% do total do investimento da Xunta de Galicia no período 2019-2022 e o 46,7% de entidades beneficiarias neste mesmo período.

O Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,34 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias un total de 1.741 entidades.

Cómpre lembrar que o ano pasado, e grazas aos Fondos de Consenso recibidos, a Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda da Xunta  tamén elaborou unha segunda convocatoria para equipamentos deportivos por importe de 1,9 millóns de euros que sumados aos 700.000 euros da primeira convocatoria de 2021, acadaron un total de 2,6 millóns de euros para equipamentos deportivos. Polo tanto, o importe deste ano para equipamentos deportivos, supera en case o 77% ao consignado no pasado exercicio.

O financiamento outorgado polo Goberno galego é do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 10.000 euros por entidade, equiparándose por vez primeira a máxima contía dos clubs es das sociedades anónimas coa das federacións.

Imaxes relacionadas