A Xunta adopta novas medidas para facilitar os despregamentos de internet no rural

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución para facilitar aos concellos a interpretación da lei do Solo e a lei xeral de Telecomunicacións
 

Trátase dunha resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Urbanismo que permitirá axilizar a xestión das autorizacións para os despregamentos de redes de fibra óptica
 

Permitirá resolver os problemas detectados en moitos municipios nos que os operadores se limitan a dotar de servizo ás edificacións máis accesibles, quedando excluídos os inmobles máis illados das redes existentes
 

Esta actuación súmase ás desenvolvidas pola Administración autonómica iniciadas coa Lei galega de impulso e ordenación das infraestruturas de Telecomunicacións
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución para facilitar a interpretación que se debe facer da lei do Solo de Galicia e a lei xeral de Telecomunicacións, respecto dos despregamentos das redes de telecomunicacións en núcleos rurais.

A resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo foi asinada hai uns días polos respectivos responsables de ambos departamentos, Julián Cerviño, e Encarna Rivas, co obxectivo de axudar aos concellos na xestión das autorizacións para os despregamentos de redes de fibra óptica nas zonas rurais.
 
Esta resolución permitirá resolver os problemas detectados en moitos municipios nos que os operadores se limitan a dotar de servizo ás edificacións máis accesibles, que son as que dispoñen actualmente de infraestrutura de cobre, quedando excluídas desta cobertura os inmobles máis illados das redes existentes. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221219/AnuncioG0532-091222-0004_gl.html
 

Esta nova actuación segue a liña iniciada pola Xunta coa aprobación da Lei galega de impulso e ordenación das infraestruturas de Telecomunicacións e seu desenvolvemento normativo, coa que vén impulsado medidas en colaboración cos concellos para facilitar o despregamento das infraestruturas de telecomunicación en Galicia.

Conectividade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica está tamén a traballar nas actuacións financiadas cos fondos MRR que permitirán complementar as actuacións que leva a cabo o Estado para lograr os obxectivos de conectividade establecidos por Europa, como é o de dotar de internet de altas prestacións a toda a poboación e aos sectores produtivos.

Neste sentido, a Xunta xa ten en marcha as catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables; e a destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.
 
En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda longa de ao menos 100 Mbps.

Imaxes relacionadas