A Xunta propón aos sindicatos incluír na Oferta de Emprego Público para 2022 máis de 700 prazas de acceso libre

A estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias

A proposta tamén inclúe como mínimo 351 prazas de promoción interna para aqueles empregados públicos que queren acadar un ascenso ou promoción profesional

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022 A Xunta propuxo hoxe ás organizacións sindicais a aprobación dunha Oferta de Emprego Público (OEP) para 2022 no eido da Administración Xeral con 702 prazas de acceso libre. A proposta de decreto tamén inclúe como mínimo 351 prazas de promoción interna.

O Goberno galego esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central a todas as Administracións para cubrir xubilacións, falecementos ou renuncias. Galicia xa solicitou en sucesivas ocasións a eliminación desta limitación que impide proceder á convocatorias máis amplas de prazas. Malia estas peticións compartidas co resto das CC.AA., o Executivo central desoíu reiteradamente todas as peticións.

En canto ás prazas de acceso libre, no eido administrativo destacan 30 prazas para o corpo superior (A1), 30 para o corpo de xestión (A2), 50 prazas para o corpo administrativo (C1), 57 para corpo auxiliar (C2), ou outras 52 prazas para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP).

Tamén destacan 130 prazas para a escala técnica de orientación laboral, 80 para a especialidade de persoal de limpeza e cociña ou 55 prazas para a escala de persoal de servizos xerais (PSX), entre outras.

A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición.

No que se refire á promoción interna, a proposta inclúe como mínimo 351 prazas para aqueles empregados públicos que xa teñan unha praza fixa na Administración e que queren opositar para acadar un ascenso ou promoción profesional.