A Xunta activa a alerta laranxa por vento no oeste da Coruña e na Mariña de Lugo

Agárdase vento do sur con refachos que poderán alcanzar os 100 km/h

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar a alerta laranxa por vento no oeste da provincia da Coruña e na Mariña de Lugo.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a últimas horas da tarde de hoxe. Agárdase vento do sur con refachos que poderán alcanzar os 100 km/h.

 

A Xunta sinala a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

 

Cómpre lembrar que desde primeiras horas desta mañá está tamén activada unha alerta laranxa nas provincias da Coruña e de Pontevedra por costeiros, na que se agarda vento do sur de forza 8 e de forza 9 entre Vilán-Sisargas e entre Fisterra-Sisargas.

 

Respecto dela a Xunta recorda a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.