A selección de dous proxectos sobre intelixencia artificial no programa Retech reafirma o liderado de Galicia nesta tecnoloxía

A creación dun xemelgo dixital de Galicia e a iniciativa Civil UAVs de aeronaves non tripuladas, promovidas pola Xunta, atópanse entre as seleccionadas polo Estado para recibir financiamento no marco do Plan Recuperación
 

Tamén foi seleccionada unha proposta galega sobre ciberseguridade entre as primeiras iniciativas emblemáticas das Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH)
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2022  Tres iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia, dúas relacionados coa Intelixencia Artificial e unha coa ciberseguridade, forman parte dos 11 proxectos emblemáticos de transformación dixital seleccionados polo Goberno do Estado na primeira fase do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech).

A creación dun xemelgo dixital e a iniciativa para o uso combinado de aeronaves non tripuladas e IA súmanse á recente selección de Galicia para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) e reafirman o liderado da nosa Comunidade nesta tecnoloxía.
 
Todos os proxectos presentados nos que participa Galicia foron aprobados nesta primeira convocatoria na que se seleccionaron as propostas que se atopan nun momento máis avanzado de maduración, impacto e implantación. As iniciativas estarán financiadas nun 25% dende Galicia con fondos públicos ou privados, e o 75% restante será aportado polo Estado no marco do Plan de Recuperación.
 
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Consellería de Facenda e Administración Pública; xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, da Consellería do Medio Rural; e o Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Medio Ambiente e Territorio; desenvolverán unha reprodución virtual de Galicia en forma de “xemelgo dixital”.
 
Esta ferramenta permitirá planificar e xestionar de forma intelixente, en base a simulacións e analíticas preditivas, a prestación de servizos e actuacións públicas e privadas, sobre todo en contornas rurais. Nesta liña enmárcase o proxecto de Aldeas Intelixentes de Medio Rural, dando resposta aos retos 1 e 3 para a implementación dunha plataforma intelixente de cara á xestión de servizos no ámbito local e para un sistema de axuda ás decisións para actividades agrarias nas aldeas modelo respectivamente.
 
A iniciativa galega forma parte do proxecto Retech “Aceleración de ecosistemas de emprendemento e innovación baseados en xemelgos dixitais”, no que tamén participan as Comunidades da Rioxa, Estremadura, Navarra e Castela A Mancha.
 
Esta ferramenta articúlase en torno ao proxecto Territorio Intelixente e o Sistema de Información Xeográfica da Xunta de Galicia (SIX), no que o Goberno galego investirá 8 millóns de euros.
 
Galicia tamén participa no proxecto 'Optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos da economía. Fomento do uso da Intelixencia Artificial na industria'. Neste caso, a Axencia Galega de Innovación desenvolverá actuacións integradas na “Civil UAVS Iniciative” enmarcadas no Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, que aspira a mobilizar 540 millóns de euros públicos e privados en Aeronaves Non Tripuladas (UAS) e Intelixencia Artificial.
 
No proxecto para o fomento de tecnoloxías de IA aplicada a sistemas non tripulados na industria tamén participan o País Vasco e a Comunidade de Madrid.
 
Por último, Galicia forma parte, xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana, do proxecto 'Espazo de datos de Ciberseguridade do Centro de Competencias en ciencias da saúde, Smart Transportation, industria conectada e excelencia operativa'.

Imaxes relacionadas