A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co alcalde ourensán

A Xunta e o Concello de Paderne de Allariz avanzan na tramitación do parque empresarial da localidade

Ángeles Vázquez e José Manuel Fernández tamén avaliaron a posibilidade de humanizar a contorna de Rioseco e dotar a zona dunha piscina

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Paderne de Allariz colaborarán para avanzar na tramitación do parque empresarial da localidade co fin de dotala o antes posible dunha área industrial acorde coas necesidades do municipio.

 

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Manuel Fernández, no marco dunha reunión que mantiveron recentemente co fin de abordar diferentes cuestións de interese para a localidade.

 

A conselleira trasladoulle ao rexedor que xa se está a ultimar o documento definitivo que se someterá a avaliación ambiental para continuar coa tramitación do proxecto sectorial necesario para impulsar este parque industrial en base á nova Lei de áreas empresariais de Galicia.

 

Neste sentido, cómpre lembrar que esta normativa, pioneira a nivel estatal, entrou en vigor o pasado mes de novembro e, entre outras cuestións, permitirá axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial na Comunidade.

 

Mellora contornas urbanas

A maiores, na reunión Ángeles Vázquez e José Manuel Fernández tamén avaliaron posibles proxectos de mellora de cara a habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor espazos urbanos da localidade.

 

En concreto, analizaron a opción de humanizar a contorna de Rioseco e dotala dunha área deportiva, que inclúa unha piscina, así como outros servizos públicos, no marco do compromiso do Goberno galego de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Imaxes relacionadas