Dous centros educativos galegos premiados na XII edición do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Cidadanía Global “Vicente Ferrer”

Madrid, 18 de decembro de 2022

A Casa de Galicia en Madrid fíxose presente na décimo segunda edición do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento «Vicente Ferrer» en centros docentes sostidos con fondos públicos correspondentes ao ano 2022.

 

O premio estaba destinado a recoñecer a aqueles centros educativos que durante os cursos 2020- 2021 e 2021- 2022 desenvolvesen accións, experiencias educativas, proxectos ou propostas pedagóxicas destinados a sensibilizar, concienciar, desenvolver o espírito crítico e fomentar a participación activa do alumnado na consecución dunha cidadanía global, solidaria, comprometida coa Axenda 2030, a erradicación da pobreza e as súas causas e o desenvolvemento humano e sustentable.

 

O CPR Plurilingüe Escravas SCJ de A Coruña co proxecto chamado, Axenda 2021, e o centro CEIP Sacra Familia de A Coruña co proxecto chamado, Un libro en blanco obtiveron sendos galardóns, demostrando que a educación galega, como en tantas outras disciplinas goza de boa saúde e se preocupa pola innovación.

 

O premio consiste nun diploma acreditativo ao centro educativo e na participación dos docentes nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en Educación para a cidadanía global e o desenvolvemento sustentable, que cada ano ten lugar nun dos países nos que a cooperación española desempeña o seu labor.

 

Nesta ocasión, o seminario levouse a cabo esta semana en Valsaín (Segovia) en colaboración co Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM) e coa participación virtual da Oficina Técnica de Cooperación da AECID e a UNESCO en Costa Rica.

 

A Casa de Galicia trasladou a través do seu director Juan Serrano as felicitacións a alumnos e profesores polo traballo realizado, e que lles levou a conseguir este recoñecemento. Os quince centros premiados proceden da Coruña, Ávila, Navarra, Valladolid, Alacante, Albacete, As Palmas, Madrid, Santander, Tenerife e Valencia .

Imaxes relacionadas