O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo recolleu esta tarde o galardón nun acto institucional para conmemorar o 50 aniversario do nacemento desta zona como barrio

A Xunta recibe o recoñecemento dos premios Román Piñón polo seu esforzo e compromiso co mantemento e mellora do barrio ferrolán de Caranza

A Asociación de Veciños Cuco Ruiz de Cortázar e o Concello distinguen a persoas e entidades públicas e privadas polo labor realizado a prol dunha zona referente na cidade

Ferrol, 17 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia recibiu hoxe un dos premios Román Piñón en recoñecemento ao seu esforzo, traballo e compromiso nos últimos anos co mantemento e mellora desde o punto de vista residencial do barrio de Caranza, considerado na actualidade unha das zonas de referencia da cidade de Ferrol.

 

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, recolleu esta tarde o galardón no marco dun acto institucional organizado no Auditorio ferrolán co gallo do 50 aniversario do nacemento deste barrio.

 

De feito, a entrega dos galardóns Román Piñón —que levan o nome dun dos históricos do movemento veciñal de Caranza, moi implicado no desenvolvemento deste barrio residencial e falecido no ano 2017— é un dos actos principais promovidos este ano pola Asociación de Veciños Cuco Ruiz de Cortázar en colaboración co Concello co fin de conmemorar que se cumpren 50 anos da inauguración do polígono de Caranza.

 

Neste sentido, cómpre subliñar que o IGVS mantén desde hai anos unha estreita colaboración coa Asociación de Veciños de Caranza, que permitiu avanzar nas actuacións realizadas neste barrio por parte da Xunta.

 

Na gala foron homenaxeadas outras persoas e entidades, tanto públicas como privadas, que nas últimas décadas se distinguiron polo labor realizado a prol da dinamización, da posta en valor e do crecemento desta zona ata converterse hoxe en día nun dos barrios residenciais máis significativos de Ferrol e tamén nun dos que concentra unha maior poboación.