Galicia contribúe á mellora da fabricación de materiais compostos de utilidade no sector marítimo-pesqueiro a través da formación dixital

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar participa no proxecto europeo Ditmep, que pretende xerar novas capacidades dixitais sobre as metodoloxías, tanto para formadores como para alumnos

A primeira proba piloto realizada no marco desta iniciativa tivo lugar na sede do Centro de Formación A Aixola en Marín, dependente da Consellería do Mar e, xunto ao resto de probas, permitirá realizar axustes no contexto laboral e nos centros educativos
 

Vigo, 17 de decembro de 2022

Galicia, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, contribúe á mellora da fabricación de materiais compostos de utilidade no sector marítimo-pesqueiro no marco do proxecto europeo Ditmep, que ten como fin optimizar os programas de formación e, en particular, os cursos de prevención de riscos laborais.

Nesta liña, dentro desta iniciativa está previsto o desenvolvemento de material didáctico para a prevención de riscos nos procesos de fabricación con materiais compostos como o poliéster reforzado con fibra de vidro, unha área cunha demanda crecente en distintos sectores, entre eles o marítimo-pesqueiro.

Ademais aportaranse esquemas innovadores adaptados á formación dixital –cun formato transnacional– e a Universidade de Santiago de Compostela guiará a aprendizaxe de xeito lúdico dos contidos, trasladando a mecánica dos xogos ao ámbito educativo-profesional, así como o uso de realidade aumentada.

A  primeira versión dos contidos xa foi desenvolvida e está dispoñible en inglés, así como en castelán e alemán e portugués -idiomas dos países de orixe dos socios de Ditmep-. Este novo material de aprendizaxe poderá ser consultado a través dunha plataforma en desenvolvemento. Todo o material está orientado ao seu uso en formacións mixtas –que combinan a modalidade presencial coa dixital– para centros educativos e na formación continua dos traballadores.

De feito, a primeira proba piloto realizada neste ámbito xa se levou a cabo na sede do Centro de Formación A Aixola en Marín, dependente da Consellería do Mar, o que permitirá xunto ao resto de probas realizar axustes no contexto laboral e nos centros de formación.

Ditmep

Este proxecto está financiado polo programa Erasmus + da Unión Europea no que participan cinco socios de tres países da UE pertencentes aos ámbitos universitario, de centros de formación e de empresas certificadoras. 

O seu obxectivo pasa por xerar novas capacidades dixitais sobre a metodoloxía, a través de e-learning, da aprendizaxe de xeito lúdico e das experiencias de realidade aumentada, e así contribuír á transformación da formación en fabricación de materiais compostos despois dos cambios xerados pola Covid-19. Os resultados finais deste proxecto daranse a coñecer nunha conferencia final prevista para o próximo ano en Hamburgo.