A sanidade pública galega continúa sendo referente mundial en medidas para o desafío climático no coidado da saúde

O Servizo Galego de Saúde recibe da organización Desafío Climático para o Coidado da Saúde tres premios de ouro nas categorías de enerxía renovable, resiliencia climática e liderado climático, e a área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza é distinguida con outros tres galardóns

Galicia recibe un total de 6 premios dos 50 galardóns concedidos a servizos sanitarios de máis de 15 países de todo o mundo

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2022

A sanidade galega continúa sendo unha referencia na posta en marcha de accións para mitigar os impactos do cambio climático, utilizando a innovación, o enxeño e investindo nas súas instalacións para protexer ás persoas e ao planeta.

Así o reflicten os seis galardóns acadados polo sistema público sanitario galego e outorgados pola organización Desafío Climático no Coidado da Saúde -Health Care Climate Challenge-, que acaba de distinguir ao Servizo Galego de Saúde con tres premios de ouro nas categorías enerxía renovable, resiliencia climática e liderado climático. A estes tres galardóns súmanse os obtidos pola área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que conseguiu o premio de ouro ao liderado climático, e os de prata á resiliencia climática e redución de gases de efecto invernadoiro. En total, Galicia recibe 6 premios, dos concedidos pola organización climática en todo o mundo.

Os galardóns recoñecen o traballo do Sergas e da área sanitaria de Santiago como Campións do Clima 2022, ao ser institucións líderes na creación de atención médica intelixente desde o punto de vista climático. Nomeadamente, tanto o Sergas como a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza destacan polo seu traballo nos tres piares do Desafío Climático no Coidado da Saúde: a mitigación, a resiliencia e o liderado, cunha labor que vai dende a redución da pegada climática ata o abastecemento de enerxía renovable para alimentar as súas instalacións, así como a colaboración coas súas comunidades para prepararse para os impactos do cambio climático utilizando a innovación, o enxeño e os investimentos para protexer ás persoas e ao planeta.

Entre os campións deste ano 2022 hai 50 institucións de atención médica de máis de 15 países.

Nos anos 2020 e 2021 Galicia resultou galardoada con premios de ouro e prata polas súas iniciativas para dar resposta á crise climática desde o sistema sanitario galego. Neste sentido, o Sergas leva máis de dez anos inmerso nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible e resiliente, poñendo en marcha iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade.

O Sergas súmase aos proxectos Race to Zero, Low Carbon e Life Resystal

Así mesmo, o pasado ano o Sergas sumouse ao proxecto Race to Zero, que promove Nacións Unidas co obxectivo de acadar cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias no 2040, sendo o Sergas o único servizo de saúde de todo o Estado que apostou pola carreira cara ao cero.

Outras medidas neste campo destacadas son os proxectos Low Carbon e o Life Resystal, iniciativa piloto no Hospital de Lugo, o primeiro, e no de Ourense, o segundo. O Low Carbon marca as actuacións de descarbonización de toda a rede sanitaria pública galega, e Life Resystal busca aumentar a resiliencia de todas as infraestruturas da saúde a través de accións que redunden no aumento de zonas verdes e na mellora da eficiencia enerxética.

Precisamente, tres centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde foron galardoados recentemente na iniciativa “os +10 Hospitais polo Programa de saúde de Glasgow”. O Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo foi premiado polo seu plan de xestión do Carbono; o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense recibiu a distinción polo seu compromiso polo clima, e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago foi galardoado polo aforro enerxético baseado no aforro de enerxía primaria.

Tamén, e coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, o Sergas está a impulsar proxectos singulares que promoven unha economía máis verde e respectuosa co medio ambiente. Así, a madeira está a ser un elemento estrutural na construción de novos centros de saúde e tamén como revestimento naqueles nos que se están a acometer obras de reforma. Ao respecto, o Sergas é socio oficial da Nova Bauhaus Europea, o único sistema de saúde europeo nesta iniciativa.

Imaxes relacionadas