A Xunta avoga nos premios ‘Son muller’ polo emprendemento feminino para unha economía fornecida nos valores da igualdade de oportunidades

Lugo, 16 de decembro de 2022  A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega de premios Son muller da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), na que gabou a o carácter novidoso, innovador e sostible das iniciativas premiadas espalladas pola provincia de Lugo e avogou polo emprendemento como “camiño de futuro” para unha economía que promova a igualdade de oportunidades.

“A aposta polo emprendemento é o camiño de futuro para construír unha economía transformadora, equitativa e fornecida en valores como a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”, aseverou López Abella. Avogou por seguir a apoiar o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade “incluíndo os postos de decisión e influencia”. “Cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia, a cultura ou o mundo do deporte”, engadiu.
 
A Xunta ten en marcha o 'VIII Plan estratéxico de Galicia' para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para os próximos cinco anos (2022-2027) que incidirá, tal e como debullou López Abella, na esfera educativa, promovendo os valores intrínsecos a unha igualdade real efectiva e en materia de prevención da violencia de xénero desde a infancia.
 
A secretaria xeral puxo ademais en valor programas como o Emega, que conta co recoñecemento como boa práctica no impulso ao emprendemento feminino na comunidade e que contará en 2023 con 4 millóns de euros que se materializarán nunhas 300 axudas. “Nos últimos 13 anos, entre 2009 e 2022, este programa tivo un incremento do seu orzamento do 203%; foron en total máis de 18,4 millóns de euros, que permitiron apoiar 1.480 proxectos de emprendemento feminino, crear 2.084 empregos novos para mulleres e consolidar outros 648, todos eles de carácter indefinido”.

López Abella aproveitou o acto para agradecer a traxectoria da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) polos seu 34 anos de traballo “tecendo e apoiando e inspirando a moitas mulleres para que cumpriran o seu sono empresarial”.

Imaxes relacionadas