A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, que alberga tres elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras

A Xunta destina 70.000 € ás axudas para a mellora, conservación e divulgación das 184 árbores e formacións senlleiras de Galicia

A partir de mañá e ata o vindeiro 17 de xaneiro, os propietarios particulares e as entidades locais poderán solicitar axudas para cubrir ata o 100% do custo da actuación

Belén do Campo subliña que é o sexto ano que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca este tipo de incentivos co fin de axudar a protexer uns elementos emblemáticos do patrimonio natural e cultural de Galicia

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de decembro de 2022

A Xunta destinará 70.000 euros a financiar unha nova convocatoria de axudas dirixidas a propietarios particulares e a entidades locais para executar actuacións de mellora, conservación e divulgación das 184 árbores e formacións incluídas a día de hoxe no Catálogo galego de árbores senlleiras.

 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou esta mañá o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, cuxo xardín alberga tres elementos incluídos no referido catálogo e onde anunciou que o DOG publica hoxe dúas ordes polas que se convocan as axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia: unha dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos, dotada con 30.000 euros; e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, cun orzamento de 40.000 euros.

 

A partir de mañá e ata o vindeiro 17 de xaneiro, do Campo indicou que tanto os particulares como as entidades locais interesadas terán a opción de acollerse a estas axudas, que poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 euros por árbore e de ata 8.000 euros cando se trate dunha formación.

 

Con esta, tal e como lembrou, son cinco as convocatorias consecutivas realizadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co obxectivo de contribuír a protexer uns elementos emblemáticos do patrimonio natural e cultural de Galicia a través de axudas económicas dirixidas aos seus titulares.

 

Entre o tipo de intervencións subvencionables cómpre subliñar a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos.

 

Desde o ano 2020 a Xunta reservou un total de 400.000 euros ao financiamento destas ordes de axudas —incluídas as que se convocan hoxe— e doutras actuacións de divulgación e promoción impulsadas pola Consellería como a guía de árbores e formacións senlleiras.

 

A modo de exemplo, Belén do Campo explicou que os propietarios do Pazo de Rubiáns recibiron un total de 7.650 euros no marco da convocatoria de axudas realizada polo seu departamento este ano, unha contía que destinaron a executar toda unha serie de actuacións para mellorar o aspecto e o estado de conservación dos tres elementos senlleiros que albergan os seus xardíns.

 

Trátanse, en concreto, dun conxunto de alcanforeiros —árbore subtropical que se cultiva con fins ornamentais na Península Ibérica—, de tres magnolios grandifloras de entre 175 e 200 anos de antigüidade, e dunha formación integrada por 13 eucaliptos de grandes dimensións e que se calcula que teñen ao redor de 140 anos.

 

Ferramenta en constante actualización

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan a protección da natureza entre os seus fins estatutarios.

 

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.

 

O último elemento incluído no catálogo este mesmo mes foi a nogueira do Camiño Vello, no municipio de Triacastela. Con esta incorporación, no conxunto de Galicia hai xa 145 árbores e 39 formacións rexistradas como senlleiras e pertencentes a un total de 81 especies entre as que destacan os carballos —cun total de 28 exemplares—, os castiñeiros —20— e as sobreiras —9—. A súa distribución por provincias é a seguinte:

 
Árbores
Formacións
Total
A Coruña
41
13
54
Lugo
35
6
41
Ourense
20
6
26
Pontevedra
49
14
63
Total
145
39
184

Imaxes relacionadas