O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe aos actos organizados pola entidade no Edificio Área Panorámica de Tui
A Xunta felicita á Asociación Diversidades Acolle con motivo dos seus dez anos de actividade
O Goberno galego financia con 214.000 euros diferentes programas da asociación dirixidos á formación, transición ao emprego e asesoramento de poboación inmigrante
Tui (Pontevedra), 16 de decembro de 2022.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o traballo da Asociación Diversidades Acolle na promoción dos dereitos e a igualdade de oportunidades das persoas inmigrantes e refuxiadas. Fíxoo nos actos conmemorativos do décimo aniversario desta entidade, que se celebrou na sala municipal de exposicións do Edificio Área Panorámica de Tui.
Arturo Parrado garantiu que a Xunta seguirá a manter o seu apoio a esta asociación, a través de diferentes programas e axudas. De feito, a área de Inclusión Social do Goberno galego destina 214.000 euros a financiar iniciativas que desenvolve a Asociación Diversidades Acolle, como medidas de apoio contra a exclusión na zona de Ribeiras do Tea ou formación adaptada, transición ao emprego e asesoramento xurídico para poboación inmigrante, entre outros.
Para festexar os seus dez anos de traxectoria, a entidade organizou varias charlas e debates nos que persoas procedentes doutros países compartiron as súas experiencias. Así mesmo, fíxose unha bagaxe da actividade de Diversidades Acolle expuxéronse as liñas de traballo de cara ao futuro.