A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu hoxe á reunión do Padroado do parque

A Xunta concede preto de 1,5 M€ en axudas para impulsar o desenvolvemento sustentable da área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas

As subvencións poden chegar ata o 100% do investimento subvencionable, cun importe máximo de ata 100.000 € no caso de que o beneficiario sexa un concello

Belén do Campo informou dos avances dalgunhas das actuacións a executar con cargo aos fondos europeos neste espazo natural, con preto de 1 M€ xa executados
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

A Xunta concedeu preto de 1,5 millóns de euros en axudas destinadas a impulsar en 2022 e 2023 diferentes iniciativas coa finalidade de promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Este foi un dos principais puntos que se abordaron hoxe na reunión do Padroado do parque celebrada en Vigo e á que asistiu a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. 

Cómpre lembrar que esta liña foi convocada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en xuño co obxectivo de apoiar a concellos, particulares, entidades sen ánimo de lucro e empresas na realización de actividades na área de influencia socioeconómica das Illas que contribúan ao fomento dunha relación harmoniosa entre os seus habitantes e a contorna de excepcional valor na que viven e traballan. 

Unha vez resolta a convocatoria e notificado o resultado aos beneficiarios, os membros do Padroado foron informados hoxe do balance das axudas outorgadas este ano para dinamizar a área de influencia do Parque Nacional. Así, no caso dos concellos de Ribeira, Vigo e Vilagarcía de Arousa —o municipio de Bueu tiña dereito a concorrer pero non solicitou axudas— o importe total concedido foi de case 300.000 euros; os particulares residentes nestes concellos recibiron case 200.000 euros; as asociacións e comunidades de montes solicitantes sumaron un total de 418.000 euros en axudas; e ás empresas beneficiarias correspondeulles algo máis de 550.000 euros. 

Cómpre precisar que estas subvencións poden cubrir ata o 100% do investimento subvencionable das iniciativas propostas, cun importe máximo de 100.000 euros cando o solicitante é unha Administración local, de 75.000 euros no caso dos centros especiais de emprego e das empresas de inserción laboral e de 15.000 euros para o resto. 

Tras salientar a boa acollida que tivo a convocatoria deste ano entre os seus potenciais beneficiarios, Belén do Campo incidiu en que a orde de axudas de 2022 puxo á disposición de particulares, administracións municipais e outras entidades vinculadas á contorna do Parque Nacional unha cantidade económica “sen precedentes” con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia da UE.

 Así mesmo, o Padroado tamén coñeceu o estado de execución e os últimos avances relacionados con algúns dos proxectos que se van desenvolver nos vindeiros anos nos catro arquipélagos do Parque Nacional con cargo aos fondos europeos para iniciativas no eido da biodiversidade e que suman, en total e incluíndo o orzamento reservado ás axudas na área de influencia socioeconómica, case 5 millóns de euros.
 
En concreto, Belén do Campo avanzou que nestes momentos xa están en marcha os traballos para control e erradicación de exóticas invasoras, conservación de especies e hábitats propios das illas, e adecuación e mellora das instalacións destinadas á conservación e divulgación da biodiversidade, así como as actuacións destinadas á recuperación de hábitats e especies de interese comunitario nas áreas de Melide, Castro das Hortas, Muxieiro e Punta Camiño do Porco, cun grao de execución ata o momento de 1 millón de euros —é dicir, o 50% do investimento total destinado a estas 4 actuacións—.
 

Ademais, a directora xeral tamén indicou que xa están encargados os traballos incluídos no proxecto para a mellora do ciclo da auga no conxunto do Parque Nacional, con execución prevista entre os anos 2023 e 2024 e cun orzamento de 1,4 millóns de euros e no marco do cal se prevén actuacións tan importantes como a renovación dos sistemas de depuración de augas residuais na illa de Ons.

 

Imaxes relacionadas