A Xunta dota de doce puntos limpos móbiles o servizo mancomunado de Portas, Campo Lameiro e Moraña cun investimento de 72.000 €

O delegado territorial, Luis López, presentou esta mañá a mellora desta prestación itinerante, orientada ao fomento da separación e reciclaxe de residuos especiais, xunto aos alcaldes Ricardo Martínez, Carlos Costa e José Cela na Azucreira de Portas

“Queremos seguir liderando a xestión sostible do lixo e por iso impulsamos a incorporación destas infraestruturas para os concellos rurais, xa que facilitará o depósito axeitado de lixo ao levalo a todas as parroquias de xeito periódico”, sinalou o representante autonómico

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa concedeu o pasado ano unha achega de 90.000€ a estes tres municipios para a adquisición dun camión portacontedores para desprazar estes depósitos e para un primeiro punto limpo móbil, que tivo unha gran acollida entre a veciñanza

Portas, 15 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de dotar de doce puntos limpos móbiles ao servizo mancomunado da xestión do lixo dos Concellos de Portas, Campo Lameiro e Moraña cun investimento de 72.000 €.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá ao acto de entrega e presentación destas infraestruturas medioambientais na Azucreira de Portas xunto ao alcalde anfitrión, Ricardo Martínez, e os rexedores de Moraña e Campo Lameiro, José Cela e Carlos Costa.

 

“Queremos seguir liderando a xestión ordeada e sostible do lixo e por iso estamos a impulsar a dotación de puntos limpos móbiles nos concellos rurais co obxectivo de achegar ao máximo aos cidadáns a posibilidade de que separen axeitadamente os seus residuos”, comentou o representante autonómico, que salientou o “magnífico proxecto destes tres municipios, pola súa implicación, por optar pola fórmula da cooperación e por presentar un servizo de atención directa e cercana que facilitará o depósito axeitado dos residuos especiais ao levar estas infraestruturas a todas as súas parroquias de xeito periódico cun cronograma moi áxil”.

 

A Consellería xa outorgou, o pasado ano, unha achega de 90.000 euros a prol destes tres concellos para a adquisición dun camión portacontedores para desprazar estes depósitos e para un primeiro punto limpo móbil, que tivo unha gran acollida entre a veciñanza.

 

Ante esta situación e os bos resultados acadados en materia de reciclaxe, os tres concellos decidiron incrementar e reforzar este servizo e veñen de beneficiarse novamente do citado financiamento ao abeiro das axudas para o tratamento de residuos de competencia municipal. Así, agora disporán de 13 puntos limpos móbiles que se distribuirán, atendendo á poboación, en Moraña (5), Portas (4) e Campo Lameiro (4).

 

O obxectivo desta actuación pasa pola prevención medioambiental e o impulso da recollida, separación e clasificación adecuada dos residuos especiais para o fomento da reutilización e a reciclaxe, evitando a aparición de vertedoiros incontrolados, especialmente en zonas naturais. Entre os materiais susceptibles de depósito nestes puntos limpos móbiles figuran os tóner, cartuchos de impresora, pinturas, vernices, lámpadas, tubos fluorescentes, pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, xoguetes, pezas de metal ou aerosois, entre outros.

 

A iniciativa, que beneficia de xeito directo aos case 9.000 veciños destes tres municipios e agarda retirar uns 47.000 quilogramos de residuos no seu primeiro ano de funcionamento, completarase coa entrega posterior dos materiais recollidos a un xestor autorizado para o seu tratamento.

Esta iniciativa está financiada ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation UE.

Imaxes relacionadas