A Xunta destaca en Madrid que a economía social é un modelo que en Galicia “suma e multiplica” e emprega a máis de 14.000 traballadores

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe en Madrid nunha mesa redonda no marco da xornada de presentación en España do Plan de acción europeo de economía social

Sinalou que a Xunta investirá en 2023 un total de 42 millóns de euros, un 20,8% máis que en 2022, para promover e visibilizar esta fórmula empresarial

Madrid, 15 de decembro de 2022

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, destacou hoxe en Madrid a aposta da Xunta pola economía social da que sinalou que é un modelo de negocio “de éxito” na comunidade galega que demostrou a súa resiliencia no actual contexto socioeconómico e durante a pandemia.

Toca participou na mesa redonda Como trasladar a nivel territorial as medidas do Plan de Acción Europeo a través das estratexias e políticas autonómicas para a economía social? no marco da xornada de presentación en España do Plan de acción europeo de economía social, onde sinalou que o Informe economía social en Galicia 2021 constata que con 135 cooperativas novas, o 2021 converteuse, con 1.145 cooperativas activas, no ano de maior inscrición deste tipo de entidades de toda a serie histórica, mantendo unha tendencia á alza constante desde 2017. Ademais, esta fórmula avanza cara a igualdade, xa que o 51% das persoas socias fundadoras das cooperativas constituídas en 2021 foron mulleres.

As sociedades laborais aumentaron en 2021 constituíndose un total de 28 (seis máis que no ano anterior) ata chegar ás 656 activas; o número de empresas de inserción mantívose en 13 con máis persoas contratadas (pasando de 87 no 2019 ata as 182 no 2021); e a cifra de centros especiais de emprego incrementouse en seis máis que en 2020, chegando a 117, dos que 58 pertencen á economía social.

Este modelo empresarial en Galicia está conformado por preto de 14.000 persoas traballadoras nas máis de 3.000 entidades que operan neste segmento da economía, representando o 7% do PIB, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros.

Toca puxo en valor os principios que conxuga esta fórmula empresarial: solidaridade, igualdade e resiliencia e indicou que a economía social en 2023 contará cun orzamento total de 42 millóns de euros (+20,87% con respecto a 2022), o que supón que case un terzo de investimento destinado á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (27 de cada 100 euros) irá destinado a este fin.

En palabras da secretaria xeral, a economía social é “sumar e multiplicar”, polo que apuntou que a Administración autonómica seguirá impulsando de cara a 2023 programas para visibilizar esta fórmula empresarial a través da Rede Eusumo ou Es-Próxima; para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego a través de Aprol Economía Social, Es-Transforma ou Es-Factory e o Bono Consolida; e para promover o emprego inclusivo coas axudas para a creación e mantemento de emprego e empresas de inserción e centros especiais de emprego. Tamén, segundo detallou, a través do programa de formación dual para as persoas con discapacidade intelectual ou con problemas de saúde mental.

A Xunta, ademais, está a ultimar a nova Estratexia galega da economía social e está a despregar por toda a xeografía galega a Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego que tamén potencia a economía social como unha “fórmula de éxito” para emprender.

Imaxes relacionadas